Skip to main content
Quiroga

Un protocolo anticovid marcará de novo a visita dos Reis a Quiroga

Por 4 Xaneiro, 2022Sin comentarios

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente achegaranse novamente ata Quiroga. A visita estará marcada por un protocolo anti-covid que fará que os nenos e nenas non se poidan achegar ás Súas Maxestades pero si poderán velos.

Ás seis da tarde, partindo das inmediacións da casa da cultura recorrerán a rúa Real. Nesta ocasión non irán nas súas tradicionais carrozas, pero si o farán nuns orixinais coches que os levarán pola vila quiroguesa.

A comitiva pasará moi despazo para que todos os nenos que agarden nas beirarrúas, gardando a distancia de seguridade na medida do posible, os poidan ver. Ademais, irán acompañados de tres paxes, un por cada rei, que provistos de guantes e utilizando continuamente xel desinfectante, entregaranlle a cada neno e nena unha bolsa de lambetadas.

Melchor, Gaspar e Baltasar, antes da cabalgata, terán tempo para entregarlle agasallos aos nenos máis desfavorecidos do municipio, e de achegarse ata o Centro de Día e a Residencia da Terceira Idade, onde saudarán dende fora aos residentes, como medida preventiva.

Tamén está previsto que sexan eles os que entreguen os premios aos nenos e nenas gañadores do Concurso de postais e do Certame de poesía de Nadal.