Skip to main content
Quiroga

Quiroga recibiu no 2021 máis visitas que nos anos prepandémicos

Por 12 Xaneiro, 2022Xaneiro 13th, 2022Sin comentarios

Co remate do ano a Oficina de Turismo e os Museos de Quiroga xa teñen as cifras das visitas que recibiron ao longo do ano. O 2020 non ten datos comparables coas cifras acadadas no 2019 antes da pandemia, non obstante no 2021, ano tamén de pandemia, o número de visitantes, non son nada desprezables e incluso se superou o número de persoas que se achegaron á Oficina de Turismo en anos pre-pandemia.

O 2019 foi un gran ano, no que se viña arrastrando dende os anos anteriores un aumento da xente que se achegaba ata o noso municipio. O Museo Xeolóxico e o Etnográfico acadaron ese ano a visita de 7.000 persoas. A Oficina de Turismo recollía que máis de 4.300 persoas pasaron por esta instalación para pedir información. A estes datos hai que sumarlle as 22.000 visitas que recibiron os contidos turísticos da páxina web do concello.

Despois chegaría a pandemia sanitaria, os toques de queda e as restricións de mobilidade, e con elas o descenso obrigado do número de visitantes. No 2020 a Oficina de Información Turística contabilizaba o paso de 822 persoas demandando información nestes instalacións.

Estas cifras volveron subir no 2021 cando polos museos de Quiroga pasaron preto de 4.000 persoas e a oficina de turismo atendeu de maneira presencial a máis de 4.500 persoas, superando as cifras do 2019. Tendo en conta a situación sanitaria que tamén marcou o pasado ano, e que a maioría destas cifras concentráronse no segundo trimestre do ano, estas cifras confirman o interese que o territorio esperta como lugar de turismo, sobre todo nos amantes da natureza.

A ampliación do horario de apertura en época estival tanto dos museos de Quiroga como da Oficina de Turismo, coas súas portas abertas nun amplo horario de mañá e de tarde, permitiu que só nos tres meses de verán se achegaran ata as instalacións do Museo Xeolóxico e do Museo Etnográfico 1.500 persoas.

Algo no que coinciden os visitantes que se achegaron ao municipio nos últimos anos, segundo os datos recollidos pola oficina de turismo, é na demanda de información sobre o que facer ou visitar en Quiroga e no Xeoparque Montañas do Courel, sobre as rutas de sendeirismo e sobre o Camiño de Inverno.

Consciente desta demanda, o Concello de Quiroga, que conta con 7 rutas homologadas, e outras dúas compartidas, o que o converte no concello con máis rutas con esta distinción de toda Galicia, procura manter as rutas de sendeirismo nas mellores condicións posibles. No pasado ano sinalizouse o antigo camiño que se utilizaba para baixar o ferro do monte Formigueiros ata as ferrerías, creouse un punto de observación da antiga mina de antimonio de Vilarbacú e púxose en valor un novo forno de cal dentro do proxecto de mellora das rutas do municipio incluídas na Rede Natura 2000. E creouse tamén, entre outras cousas, unha ruta dos murais dentro do casco da vila quiroguesa.