Skip to main content
O IncioSamos

Comeza a restauración do potencial forestal danado polo incendio no Incio e Samos

Por 14 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O lugar de Trascastro no Incio está a padecer as obras de restauración do potencial forestal danado por un incendio mediante a restauración hidrolóxica-forestal. Estas actuacións levaranse a cabo en varios montes dos concellos lugueses do Incio e de Samos. O delegado estivo acompañado polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, e pola xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias.

Ditas obras contan cun orzamento de algo máis de 400.000 euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), e afectan a unha superficie total de 85,98 hectáreas. A maioría dos traballos realizaranse no monte veciñal en man común de Trascastro. Tamén se intervirá nos montes de San Pedro e Ferrería e Coto Redondo, no concello do Incio, e no monte de Coto Redondo, no concello de Samos. Todos estes montes están baixo a xestión da Xunta, a través dos respectivos convenios coas comunidades de montes veciñais en man común propietarias.

Con estas actuacións preténdese recuperar o potencial forestal e a corrección dos desequilibrios hidrolóxicos ocasionados na cabeceira dos arroios. Isto conseguirase coa creación de masas forestais en 50 hectáreas, a través da reforestación de case 30 hectáreas con piñeiro do país (Pinus pinaster) e piñeiro rubio (Pinus sylvestris), e a través de axudas para a rexeneración natural noutras 20, con bidueiro (Betula celtibérica).

Do mesmo xeito, as actuacións incrementarán a protección contra os lumes das masas creadas coa execución de máis de 30 hectáreas de devasas con pasteiros, a mellora de 12 quilómetros de vías e a construción de dous puntos de auga, amais da apertura dun novo tramo de pista de 600 metros e a creación de catro hectáreas de faixas de xestión da biomasa.

A recuperación das superficies danadas polos lumes é fundamental para non perder as potencialidades produtivas, sociais e ambientais dos montes, protexendo en primeiro lugar os solos afectados e rexenerando a cuberta vexetal dun xeito ordenado.

Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).