Skip to main content
Uncategorized @gl

A Ribeira Sacra volve ser protagonista no Fitur, nesta ocasión como Reserva da Biosfera

Por 22 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A recente declaración como reserva da Biosfera da Ribeira Sacra está a promover de maneira sostible a economía e o turismo da zona. Este obxectivo obterá un investimento de ata 1,5 millóns de euros durante os dous próximos anos que irán destinados a actuacións que contribúan á posta en valor do seu patrimonio natural.

Este territorio de gran riqueza e que se estende entre as provincias de Lugo e Ourense foi unha das ideas que destacou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convidada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a participar na presentación Ribeira Sacra, agora si, destino Reserva de Biosfera no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur).

Tras lembrar que hai dous anos neste mesmo escenario se daba a coñecer o incalculable valor patrimonial e turístico que agochaban as seis reservas de biosfera galegas culmínase coa declaración en setembro do ano pasado da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a sétima da Comunidade.

Este novo recoñecemento por parte da Unesco súmase ás outras figuras de protección a nivel nacional e internacional das que xa gozaba un territorio que forma parte xa da Rede Natura 2000, ademais de albergar espazos naturais de interese local e o único Xeoparque Mundial declarado ata o momento en Galicia, o de Montañas do Courel.

Neste sentido, considerou que a declaración da reserva de biosfera supón un “fito máis” para dar a coñecer e poñer en valor a singularidade dun territorio que ofrece a todo aquel que o visita experiencias turísticas, culturais e gastronómicas únicas. “Sen dúbida ábrese unha nova oportunidade para demostrar que se pode combinar perfectamente a conservación da biodiversidade e do patrimonio natural co desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra”, declarou a directora xeral.