Skip to main content
Foz

Unanimidade para que o Entroido de Foz sexa Festa de Interese Turístico Galego

Por 5 Febreiro, 2022Sin comentarios

No Pleno celebrado onte no Concello de Foz aprobouse por unanimidade a presentación do expediente para a declaración do Entroido focense como Festa de Interese Turístico Galego.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Entroido da Mariña por antonomasia é o de Foz. Este ano cumprirá a 40 edición do seu desfile (despois do obrigado confinamento e aposta polos medios electrónicos na anterior edición), mais o arraigamento e a existencia da vea carnavaleira en Foz é moito anterior”.

O informe presentado pola técnico de cultura, Pilar López, no que tamén colaborou o cronista oficial de Foz, Xoán Ramón Fernández Pacios; a auxiliar de Cultura e outra moita xente, recolle moita información da historia ao longo dos anos así como documentación da prensa e outros colaboradores como os veciños.

40 ANIVERSARIO

O Concello de Foz está a levar a cabo a realización dun documental no  que se recolle a historia do carnaval na localidade, coincidindo coa  celebración do 40 aniversario do seu desfile.

Este documental, que se estreará o vindeiro 20 de febreiro, una semana antes do desfile do  Entroido 2022, é unha das actividades programadas para a edición especial deste ano, que  conta con outras novidades que o concello está a perfilar con detalle. 

Este vídeo documental significa unha viaxe polo tempo desde o século XIX ata a actualidade,  contemplando as distintas celebracións do entroido na localidade, pasando pola postguerra,  ditadura, chegada da democracia e sobre todo a celebración do ano 1982, data na que tivo  lugar o primeiro desfile polas rúas da vila.

Mais de 30 persoas de tódalas idades participan nas entrevistas que se están gravando nas  instalacións do Cenima, nun plató deseñado pola empresa Arracada Produccións, que se  encarga da realización do audiovisual.

O documental contará tamén con imaxes históricas e testemuñas dos primeiros  participantes, así como unha representación de tódolos grupos, peñas e comparsas que  participan no Entroido focense na actualidade.