Skip to main content
Viveiro

Viveiro estará presente no Foro de Artes Inclusivas de Ferrol

Por 2 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro estará presente no Foro de Artes Inclusivas, que se celebra no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol os próximos 17 e 18 de febreiro, para presentar o seu programa SuperArte, impulsado polo goberno local. 

O Foro de Artes inclusivas supón un punto de encontro profesional para programadores e programadoras galegas no que debater sobre as programacións inclusivas a través de espazos de conversa e espectáculos.

O Concello de Viveiro recibiu a invitación a este foro para compartir a súa experiencia con SuperArte, a mostra de teatro realizada por persoas con diversidade funcional. Na súa terceira edición, o pasado decembro, “Superarte” dedicouse ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), con obras de teatro, charlas e accións conxuntas coa hostalaría e o comercio sobre a diversidade funcional. 

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega será a representante do Concello de Viveiro neste foro. Na súa intervención, prevista para a xornada de mañá do xoves 17, a edil presentará o exemplo de SuperArte como unha forma de incluír e visibilizar a diversidade funcional na cultura. 

SuperArte foi precisamente a semente dunha iniciativa moito máis ampla, o programa “Viveiro Inclúe”. Dentro deste proxecto desenvólvense  diferentes accións, co obxectivo de que Viveiro sexa un municipio inclusivo para todo tipo de persoas e colectivos e accesible para aquelas persoas con diversidade funcional. 

Algunhas destas iniciativas son o uso de mochilas vibratorias nos espectáculos culturais para as persoas xordas, a formación en lingua de signos ou contacontos sobre a diversidade funcional, entre outros proxectos. Ademais, a propósito da última edición de “SuperArte”, o Concello de Viveiro recibiu a un grupo de expertos da Asociación BATA para avaliar e propoñer melloras na casa consistorial para que esta estea adaptada a persoas con diversidade cognitiva.