Skip to main content
Lugo

O Castiñeiro contará con 57 vivendas de promoción pública

Por 16 Febreiro, 2022Sin comentarios

A rúa Lorenzo Varela de Lugo, será o escenario elixido para a construción de 57 vivendas de promoción pública (VPP), cun orzamento estimado de 7,8 millóns de euros.

A Consellería de medio ambiente, territorio e vivenda prevé licitar no segundo trimestre deste ano a redacción do proxecto e a dirección facultativa da obra, para o que reserva neste exercicio unha partida de 351.000 euros.

A nova promoción ocupará un solar de 1.318 metros cadrados que fai esquina entre as rúas Lorenzo Varela e Ramón Piñeiro, no entorno da praza do Castiñeiro. A parcela, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), ten unha edificabilidade 7.908 metros cadrados, dos que 6.590 se destinarán a vivendas. A altura permitida é de seis andares (baixo máis cinco plantas).

Os 57 pisos resultantes, 17 máis dos 40 previstos inicialmente, calcúlanse para espazos residenciais de 90 metros cadrados. Porén, o proxecto final podería dar lugar a algunha vivenda máis no caso de que inclúa domicilios de menores dimensións cun ou dous dormitorios.

A localización na zona do Castiñeiro adáptase mellor ao proxecto. Esta futura actuación axudará a dar resposta á demanda de vivenda de promoción pública na cidade de Lugo.

AXUDAS PARA ACCEDER A UNHA VIVENDA

A maiores, a Administración autonómica ofrece axudas directas para adquirir vivendas, como as que contempla a liña de achegas de ata 15.000 euros para comprar en cascos históricos ou o programa para mercar vivendas protexidas -ambos co prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro-; e a medida para adquirir vivendas no rural dirixida a menores de 35 anos, que se prevé convocar no primeiro trimestre.

BONO ALUGUEIRO SOCIAL

Así mesmo, xa están convocadas as axudas do Bono de alugueiro social correspondentes a 2022, co obxecto de facilitar o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de arrendamento a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas.

Así mesmo, o Bono tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de que o beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes. Coa concesión desta axuda e do complemento, o beneficiario recibe o 100% da mensualidade máxima do alugueiro, que no caso das sete cidades galegas pode chegar ata os 450 euros; en concellos de tamaño medio, ata 400 euros; e no resto, 350 euros.