Skip to main content
Lugo

O Plan de Embelecemento urbano será adxudicado esta semana en Xunta de Goberno

Por 21 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Plan de Embelecemento urbano será adxudicado esta semana en Xunta de Goberno. Este proxecto pretende mellorar a conservación e a habitabilidade dos barrios da capital. Un obxectivo ao que destinará 260.000 euros en dous anos e cos que se abordarán aquelas intervencións, demandadas pola veciñanza, que contribúan a garantir o correcto mantemento dos espazos públicos.

A súa posta en marcha permitirá acometer traballos de acondicionamento, arranxo e recuperación do mobiliario urbano, ofrecendo unha resposta áxil ás necesidades que trasladan as e os lucenses e incrementando a vida útil de elementos como bancos, papeleiras, etc… pero repercutindo, tamén, noutros aspectos como a seguridade das vías ou no ornato das zonas axardinadas.

Así, este próximo mércores, o Executivo municipal autorizará a asignación do contrato ao centro especial de emprego e iniciativa social Coregal Parques e Xardíns, atendendo a outro dos obxectivos que se quere alcanzar con esta iniciativa como é a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade.

A licitación foi dividida en dous lotes. Un deles, cofinanciado ao 80% polos fondos FEDER dentro da Estratexia DUSI Muramiñae, a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego en colectivos vulnerables, e que permitirá desenvolver accións de mellora nas dez localizacións incluídas no seu ámbito de actuación, e un segundo lote para o resto de barrios.

Entre as obras que se poderán efectuar destacan intervencións de conservación e instalación de mobiliario, de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como de reordenación de espazos ou arranxo de beirarrúas e pavimentos, entre outros. Co requisito de que todos estes labores deberán iniciarse no prazo máximo dunha semana dende que o Concello realice o seu encargo e deberán concluír en quince días.

A vontade é dar unha resposta áxil ás demandas da veciñanza, de maneira que a aplicación deste Plan se acompañará dunha campaña de participación cidadá para que, por unha banda, todas aquelas persoas que queiran poidan trasladar as súas suxestións e peticións, ao tempo que favorece a implicación da poboación na protección e coidado dos espazos comúns.

O Plan de Embelecemento dará continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras que se atopaban en situación de desemprego e, a través do cal se executaron a peonalización da Rúa do Esquecemento ou as rehabilitacións do Parque Rosalía de Castro e da contorna fluvial do río Miño.