Skip to main content
Monforte

José Tomé Roca solicitou á Deputación de Lugo solo industrial no Polígono do Reboredo

Por 15 Febreiro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada e o concelleiro de obras, medio rural e servizos, José Luís Losada, anunciou onte en rolda de prensa a “que é sen dúbida unha moi boa noticia para o futuro do Polígono industrial do Reboredo”.

Trátase da petición que o Concello monfortino tramitou ante a Deputación de Lugo para solicitarlle a cesión en propiedade das parcelas que o ente provincial posúe no Polígono do Reboredo, co obxectivo de “dar resposta ás necesidades de solo industrial que actualmente as empresas nos están demandando no Polígono do Reboredo”.

En concreto, aclarou o alcalde, “á entrada do Polígono, na súa marxe esquerda, a Deputación de Lugo conta cunha superficie aproximada de 111.000,00 m2, adquiridos pola Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (SUPLUSA), en cumprimento do Acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial , de data de 29 de abril de 2011, que se distribúen en 15 parcelas”.

A estas 15 parcelas hai que engadir 3-4 parcelas privadas e unha que é propiedade do Concello, sen esquecer as 3 que ten dispoñibles Suelo Empresarial del Atlántico, así como as parcelas que resultarán logo do proceso de revocación anunciado polo Alcalde a pasada semana, e que superan os 14.000 m2 (incluíndo aquí as 11 parcelas revocadas e dúas de titularidade municipal.

A decisión de solicitarlle á Deputación Provincial estas parcelas da súa titularidade foi acordada por unanimidade na Xunta de Goberno Local de Monforte, celebrada o pasado luns 7 de febreiro.

“Esta petición, que xa procedemos a cursar dende a Secretaría deste Concello, suporá que poidamos acometer a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, sendo as novas parcelas industriais propiedade do Concello cando rematen os trámites administrativos” subliñou o rexedor monfortino.

A solicitude cursada dende o Concello solicita ó ente provincial a cesión en propiedade de ditas parcelas, co obxectivo de destinalas a usos industriais.

“Polo tanto”, indicou o alcalde, “as parcelas que solicitamos á Deputación Provincial, van permitir ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización económica da comarca.