Skip to main content
MonfortePantónSober

A Ribeira Sacra celebrou o Xoves de Compadres

Por 18 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Xoves de Compadres é unha tradición na que as mulleres rouban a roupa dos homes para crear un boneco caracterizado coas súas roupas e burlarse así deles. Este ano, despois do parón esixido pola pandemia nas datas anteriores, os Concellos de Monforte, Pantón e Sober retomaron esta festividade.

O Concello de Sober destacou polos seus Tanxugueiros do Sober Fest colocados diante da casa consistorial cunha versión da canción Terra con pequenas referencias á zona. A agrupación estaba formada por tres homes, sendo un deles, o alcalde de Sober Luís Fernández Guitián.

Por outra banda, Monforte de Lemos viu repartido por diferentes rúas e barrios bonecos que facían referencia e sátira de temas sociais e actuais como a subida da electricidade, gas, a pandemia. O piloto Edu Iglesias ou o director Dani de la Torre tamén estiveron representados nestas imaxes. Sobre as 17.00 horas, a concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, fixo pública a lista de gañadores do concurso de compadres.

Nela, venceu a Asociación A Pinguela con “Compadres mortos de fame” na categoría Mellor crítica social, cun agasallo de 120 euros. Na categoría barrio colectivo, o primeiro posto foi para a Asociación Prodeme coa sua representación “Todos es verdad y todo es mentira”, o segundo premio foi para a asociación Afamón, que levou 95 euros por “Os homes de Afamon nos campionatos de natación”. Nesta categoría entregáronse tres accésits de 50 euros. Un para a asociación Agora por “A enerxía reforzada”; e dous para o Colexio Novo por “Os cazavirus” e “Os Minivirus”. Na categoría barrios individual o primeiro premio de 75 euros foi para Afundación con “Dakar 2023”. O segundo premio levouno a perruquería internacional Matilde Corral López con “Tiempos de soledad durante el confinamiento” e, o accesit foi para a asociación Agora, centro de atención diurna Infanta Elena-Agora con “Vaia lío de reforma”. Na Plaza de España o primeiro premio foi para Antón López González con “Todos sodes supernenos”. Na categoría de centros educativos o primeiro premio foi para o Colexio ferroviario con “Marcho que teño que marchar”, o segundo para o Colexio a Gándara con “Peregrinos a Santiago”. E por último, na categoría individual o primeiro premio foi para o Colexio da fundación Torre de Lemos con ·Compadre Torre de Lemos”, entregáronse dous segundos premios, un para a ANPA do Colexio Escolapios por “Espantapandemias” e outro para o Colexio A Gándara por “Pregoeiro Real”, o accesit desta categoría foi para o Colexio Novo por “Vin polo aire”.

Por último, o Concello de Pantón tamén recuperou esta tradición na que ao longo da vila se puideron ver escenas de novo, relacionadas coa pandemia, os oficios e o fútbol.