Skip to main content
Monforte

Monforte celebra os 100 anos da IV Asemblea das Irmandades da Fala

Por 20 Febreiro, 2022Sin comentarios

Onte 19 de febreiro tivo lugar a xornada “Cen anos soñando o destino” organizada polo Consello da Cultura Galega en Monforte para lembrar o centenario da IV Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que tivo lugar dos días 18 ao 20 de febreiro de 1922.

Este tipo de actos de homenaxe, estudo e análise amplian e socializan o coñecemento do traballo que se levou adiante no ámbito das Irmandades da Fala e nas sucesivas asembleas nacionalistas, brutalmente interrompido polo golpe de Estado do 36 e polo franquismo, que afogou o devir político, económico e cultural de Galicia.

Isto é moi importante para dar valor ao legado desa etapa histórica na continuidade da lingua e da cultura.

O programa contou cos relatorios “Construíndo identidade entre cultura e política: As Irmandades da Fala”, a cargo de Raúl Soutelo, e “A irmandade que viaxaba en comboio: contextos da Asemblea de Monforte”, de Xurxo Ayán, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, unha lectura pública por parte de alumnado do IES A Pinguela de Monforte que, fronte ao Mosteiro de San Vicente, declamaron textos das persoas que participaron na IV Asemblea Nacionalista.

Pola tarde a programación continuou con relatorios sobre “Causas e consecuencias da ruptura das Irmandades da Fala na Asemblea de Monforte, de Emilio Insua, e “Irmandiñas. Compromiso e paixón pola Terra”, de Aurora Marco, e un coloquio. A xornada concluíu cun concerto de Uxía Senlle e Sergio Tannus ás 20.00 horas.