Skip to main content

Por Pablo Veiga

Brais chegara á casa dos seus avós sendo un meniño que aínda non andaba, metidiño nun caixón feble e escanastrado, envolto nunha manta de liño. Así comeza a historia narrada por Xosé Manuel Felpeto Carballeira, este home nado en Cabreiros, concello de Xermade, inquieto, emprendedor e comprometido co seu berce o as súas xentes.

Xa hai varios meses que asistín á presentación desta novela, titulada O pau de ferro, pero non foi ata agora cando me decidín a escribir sobre a mesma. En primeiro lugar, cómpre recoñecer o mérito do seu autor, de quen souben hai anos como un dos promotores das hoxe consolidadas Xornadas Interxeracionais Rurais que se desenvolven no propio lugar do seu nacemento. O mérito que ten a organización dunha actividade coma esa non se pode pasar por alto. As ponencias e demáis actos que se realizan, os conferenciantes e o grao de participación e implicación dos veciños e forzas vivas da zona son a proba delo, de aí o seu éxito edición tras edición. Tamén constatei que no seu currículum acreditaba experiencia no mundo audiovisual e na producción teatral, ademáis das súas colaboracións como articulista na sección A Chaira, do xornal El Progreso. Pero faltaba dar un paso máis adiante e ese chegou coa publicación do seu primeiro libro.

Desde a primeira liña ata a última, a novela está chea de emoción e non deixa de impactar a quen a le. Unha Galicia Rural de hai varias décadas é a que se describe, sendo nela na que se desenvolven os seus personaxes. Unha época des escaseza e tamén dalgunhas inxustizas, pero esa dura realidade non impedía que aqueles que vivían nela se revelasen contra as penurias sufridas, procurando unha vida futura mellor. A cultura do esforzo pódese deducir ó longo de toda a narración, superando o que sería unha negativa resignación.

O neno Brais vai medrando, coidado pola súa avoa, quen tivo que exercer de nai, xunto ós seus veciños e amigos, nun entorno reducido, pero ó mesmo tempo cheo de vida. Xosé Manuel sabe contar coma ninguén como era aquela época, sen luxos e sen  máis redes sociais que a axuda mútua entre a veciñanza para os traballos duros do campo, ou cando aparecía algún imprevisto en calquera familia.  Transmite con coñecemento de causa a infancia daqueles nenos e nenas, quen pasaban o tempo xogando a carón do cemiterio, temerosos e ilusionados ó mesmo tempo polo seu propio porvir. Non podían faltar personaxes claves naquela Galicia profunda, pero ó mesmo tempo digna e orgullosa dos seus logros, como son o crego e a mestra. Os dous, aparte de cadansúa función, non dubidaban en  convencer a uns recelosos proxenitores para que deixasen a eses mozos e mozas ir fóra para prepararse e poder ter unha vida máis próspera.

Resulta un motivo de orgullo e satisfacción que chairegos amosen o seu talento literario e sexan quen de contarnos vivencias de aquí, da nosa Terra, de onte, de sempre.