Skip to main content
A Pastoriza

Condenado o Concello da Pastoriza por suspender o contrato de axuda no fogar na pandemia

Por 18 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo condenou ao Concello da Pastoriza a indemnizar á que en 2020 era a empresa adxudicataria do contrato de axuda no fogar con 21.156 euros polos prexuízos que lle causou a suspensión parcial da actividade entre os meses de marzo e maio dese ano como consecuencia do estado de alarma decretado pola crise da covid-19.

Na resolución, a maxistrada indica que, durante ese período, a sociedade abonou as nóminas do persoal, a pesar de que “só puido prestar os seus servizos a 13 dos 97 usuarios”. A suspensión, por tanto, “afectou, e de modo extraordinario, á execución ordinaria do contrato, ao alterarse substancialmente o número de usuarios, un dos seus elementos esenciais”.

Polo tanto, neste caso, segundo sinala na sentenza, debe aplicarse o artigo 34.1 do Real Decreto Lei 8/2020, do 17 de marzo, que dispón, entre outras cuestións, que cando a execución dun contrato público quedara en suspenso como consecuencia do estado de alarma, a entidade adxudicadora “deberá abonar ao contratista os danos e prexuízos efectivamente sufridos durante o período de suspensión, previa solicitude e acreditación fidedigna da súa realidade, efectividade e contía polo contratista”.

A xuíza considera “irrefutable” que a propia administración municipal acordou a suspensión parcial da actividade, polo que a adxudicataria carecía da posibilidade de executar o contrato. Ademais, recalca que o prexuízo económico ocasionado á empresa foi “real e efectivo”, á vez que destaca que está “perfectamente acreditado” no informe económico que presentou ante o xulgado.