Skip to main content
As Pontes

As Pontes activa un sistema de xeolocalización para os servizos de emerxencia

Por 2 Febreiro, 2022Febreiro 4th, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes conta, desde hoxe, cun sistema de xeolocalización de vivendas e outros puntos de interese do municipio, dispoñible para os servizos de emerxencias, que permitirá axilizar os tempos de resposta ante calquera incidencia e contribuír a facer máis eficientes destes servizos, mellorando a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.

“Cando falamos de emerxencias, unha das principais problemáticas é a localización de casas e lugares, as novas tecnoloxías ofrécennos a posibilidade de solucionar esta situación. Este sistema que hoxe entra en funcionamento permitirá xeolocalizar calquera casa do rural nun poucos segundos ademais indicará a ruta máis curta e axeitada para chegar ata ela tendo en conta o tipo de emerxencia” indica Tania Pardo, responsable de Benestar Social.

O sistema, que foi presentado onte á Garda Civil, á Policía Local, á Agrupación de Protección Civil das Pontes, aos Bombeiros do Eume e aos técnicos de emerxencias sanitarias da localidade, conta cunha base de datos, conformada por 1.500 rexistros, na que se indican as coordenadas de todas as casas das parroquias pontesas, tanto nas que residen veciños e veciñas como nas baleiras que reúnen condicións de habitabilidade, o nome polo que son coñecidas e o código postal. Ademais inclúe as edificacións singulares, outros lugares de interese e os puntos de carga de auga.

As Pontes é o primeiro Concello das provincia da Coruña en contar con este sistema que responde á singularidade da zona rural do municipio onde existe unha maior dispersión de vivendas, ausencia de rúas con nome e vivendas sen numeración ademais da particularidade do costume da veciñanza de referirse ás vivendas por un alcume, circunstancia que dificulta a localización das vivendas cando se produce a emerxencia.

Trátase dun sistema en constante revisión e actualización que permitirá recoller novos datos e modificar os existentes co obxectivo de axudar aos servizos de emerxencia e por extensión á veciñanza pero sen substituír a experiencia e coñecementos dos profesionais de emerxencias” remarca Tania Pardo.