Skip to main content
AlfozCultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXA

Entrevista: “Somos un club bastante estable dentro do fútbol da comarca”

Por 27 Marzo, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Primeiro equipo do ano 1981

Por Ana Somoza López.

Jacobo Rivas Val é o actual presidente do CD Alfoz.

Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos?

O club naceu no verán 1981 sendo unha excisión do club Valle de Oro, un equipo que unía aos dous concellos do Valadouro e Alfoz naquel momento. Polo tanto o primeiro ano foi difícil atopar xente para xogar, pero con esforzo conseguiuse forma un bo equipo.

No ano 1985 gañamos 2 títulos, a primeira Copa Deputación e o título de campión de Liga. O final dos anos 80 e principio dos 90 seguiron os bos anos e o club foi moi importante na Mariña. Naquela década gañáronse varios títulos, 3 copas Deputación e algún subcampionato e de feito a xente dí que eramos un club moi copeiro e con moi bos xogadores na categoría preferente. Xa nos 90 houbo algún bache e tamén descensos e despois conseguiuse consolidar unha xeración moi boa de xogadores que a principios dos anos 2000 conseguiu dous ascensos consecutivos, de 2ª rexional ascendeuse a 1ª rexional, e de 1ª rexional a preferente. En resumo é que somos un club bastante estable dentro do fútbol da comarca.

De que logros se senten máis orgullosos?

Pois a verdade é que a xente lembra con especial agarimo os primeiros anos, a época dourada do club do que todo o mundo tamén recorda a bos xogadores, sobre todo a xente maior. Ademais contabamos cunha afección moi viva e moi dinámica que viaxaba con nos. De feito no ano 85 chegaron a parar a fabricación de empresas do Concello para poder viaxar a un partido aprazado que se xogou durante a semana en Roupar para poder ir os afeccionados velo.

Este ano celébrase o 40 aniversario. Vaise facer algún acto ou como se pensa celebrar?

Aínda que o 40 aniversario foi neste pasado verán do 2021, as restricións sanitarias e o tema covid fixeron que tivésemos que aprazar a celebración a finais desta tempada. A nosa idea é facer sobre finais de maio un evento, pero aínda non temos claro o que, si será unha celebración, un xantar, un partido homenaxe. Xa durante todo o ano estivemos facendo camisetas de xogo especial, así como publicacións especiais sobre os 40 anos do club a modo resumo.

Actual directiva do club

Como vai a tempada?

Pois esta tempada é unha competición rara xa que se divide en dúas fases. Durante media tempada xogas no norte, no noso caso, e na segunda parte fanse dous grupos, un de ascenso e outro de permanencia xa mesturando norte e sur. A nos quédannos dúas xornadas da primeira fase e despois veremos o que pasa. Este ano foi difícil porque é o noso primeiro ano en 1ª rexional e estamos pelexando por estar o máis alto posible nesta primeira fase e enfocarnos para manter a categoría na segunda fase. É complicado valorar como será porque ademais estamos lastrando bastantes xogadores con lesións desde xaneiro e estamos intentando recuperar a toda esa xente para tela dispoñible para a segunda parte da competición que comezará agora en marzo.

Como se leva convivir coa covid no fútbol?

A verdade é que tan só nos afectou durante o primeiro mes de competición pois tiñamos que facer test frecuentemente, cada 7 ou 15 días, por precaución para os xogadores. E despois no parón de Nadal tivemos que facer tamén moitos test de antíxenos para ter seguridade nos adestramentos. Ao xogar no exterior o risco non é tan alto, o que si é que nos vestiarios hai que ter un pouco máis de orde e organización, que non haxa moita acumulación en espazos pechados, etc.

Houbo cambios no campo municipal durante este tempo?

A base principal do campo fíxose con moito voluntariado e algunha aportación do Concello, pero podemos dicir que case case está igual que nos primeiros anos. De feito agora estamos nun proceso de renovación de instalacións e fai dous anos cambiamos o alumeado, o cableado e a potenciación eléctrica estaba moi antiga e puidemos acometela cunha axuda da Deputación. Polo resto, o campo de xogo está algo deteriorado pola falta de mantemento e sobre todo porque é antigo e nunca se chegou a realizar un cambio de céspede. Hai que dicir que recupera bastante ben das tempadas de xogo pero xa se lle comeza a notar que está gastadiño. Intentamos que o Concello se implique para poder modernizalo un pouquiño.

Contan con xogadores de base?

Non exactamente. Fai un par de anos fíxose un equipo común co Concello do Valadouro para xogadores de base como se fosen unhas escolas deportivas e que funciona bastante ben, chámase Río Ouro. O que pasa que tan só ten equipos dende a categoría benxamín de 5 ou 6 anos ata a cadete dos 14 ou 15 anos. O problema vén que despois non hai sección xuvenil e ata que poden xogar no equipo sénior teñen que pasar 2 ou 3 anos, porque teñen que ser rapaces de 16 a 18 anos.

Que proxectos hai de cara ao futuro?

Nos somos un club no que os proxectos van de ano en ano, non podemos abarcar moito a futuro polo que antes comentaba de non ter canteira. Así que o rumbo que estábamos marcando nestes últimos anos que é o de traer xogadores, reforzar o equipo e competir en bo nivel, son as nosas prioridades. Pero neste ano, que é o noso cuarto ano á fronte do CD Alfoz, temos que facer as eleccións para reelección de cargos.

E necesidades?

Pois a maior necesidade é a de atopar xogadores na Mariña para dar continuidade ao club. Porque na comarca e en concellos pequenos como o noso é complicado atopar regularmente xente para xogar. A última remesa de xuvenís do Alfoz foi no 2009-2010, así que levamos máis de 10 anos sen formar base.

Teñen algunha axuda para manter o club activo?

Pois nos mantémonos con aportacións dos socios, asistencia a campos, axudas en patrocinios do tecido empresarial alfocego e colaboracións anuais do Concello e da Deputación.

Que nos pode dicir da afección?

A nosa afección é fantástica. Contamos con arredor de 200 socios que para un pobo duns 1700 habitantes está moi ben. Contamos cunha masa social moi boa a verdade, e é certo que o manternos en boas categorías implica que teñamos moitos seareiros xa que así verán partidos máis interesantes. Dentro da comarca somos unha afección que move a moita xente.