Skip to main content
Lourenzá

O Concello laurentino aproba a restauración do Mosteiro de San Salvador

Por 2 Marzo, 2022Marzo 3rd, 2022Sin comentarios

O Concello de Lourenzá ven de aprobar na xunta de goberno local a solicitude de licenza presentada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da Xunta de Galicia, para a realización de traballos consistentes na restauración da igrexa do Mosteiro de San Salvador.

As obras incluirán a restauración de carpinterías e ferraxes de reforzos metálicos, arranxos na nave da epístola e no muro sur, reposición da instalación eléctrica e actuacións para evitar entradas de augas nas naves laterais, entre outros traballos. O orzamento de execución material é de 237.999 euros.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, alégrase de que “en breve se vaian acometer esas obras xa que é unha intervención moi necesaria para a conservación da igrexa e do seu conxunto arquitectónico”.

MOSTEIRO

O mosteiro foi fundado no século X por Osorio Gutiérrez, o conde santo, que logo da súa morte foi enterrado no seu templo, nun sartego de mármore paleocristián do século VI orixinario de  Aquitania. O sartego pode verse na capela de  Valdeflores (século  XVIII) da igrexa  mosteiral.

Dos primeiros séculos da historia deste cenobio consérvanse unha arca do IX e unha lauda do XII. Nesta última centuria pásase dunha congregación familiar a depender da Orde beneditina e, a principios do XVI, queda baixo a influencia de San Benito de Valladolid. No XIX, coa Desamortización, iníciase a decadencia, ata que entre 1910 e 1942 se recobra a vida monástica coa chegada de monxes dependentes de Samos. Disgregada esta comunidade, e tras un tempo como Seminario Menor Diocesano, dependente do bispado de Mondoñedo, faise cargo do edificio o Concello, que sitúa nel a súa sede.

O carácter medieval da construción pérdese coas remodelacións dos séculos XVII e XVIII. É precisamente no segundo terzo do XVIII cando se finaliza a fachada barroca da igrexa do mosteiro polo arquitecto Fernando de Casas Novoa, considerada precedente da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago.

Desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra. En 1974 o conxunto é declarado Monumento Histórico Artístico.