Skip to main content
Lourenzá

O PP de Lourenzá critica o orzamento que presentou Rocío López

Por 26 Marzo, 2022Sin comentarios

A decisión máis relevante que adopta o pleno municipal ao longo do ano é a aprobación do orzamento do Concello. As partidas e a dotación de cada unha delas reflicten os plans do goberno municipal para o ano ao que se refire. “A planificación económica anual ten que corresponderse coa situación real”, en opinión do portavoz popular, Javier Rodríguez.

Así considera que “o orzamento elaborado polo goberno municipal, presidido pola socialista Rocío López, é un corta e pega dos de anos pasados, no que non se ten para nada en conta o escenario económico e social no que nos movemos”. Neste sentido, Rodríguez sinala: “O ano pasado dixemos que viñan cos mesmos presupostos de sempre, que ao goberno local lle daba igual que houbera unha pandemia ou unha guerra. Por desgraza acertamos e a guerra chegou, e o goberno de Lourenzá presenta unha fotocopia dos presupostos destes últimos 7 anos, nos que pouco máis cambiaron que as datas”.

O ofrecemento dos populares a colaborar para a elaboración do orzamento anual do Concello caeu en saco roto. E, segundo sinala Javier Rodríguez, “o resultado da falta de traballo do goberno local é un orzamento que non ten en conta a crítica situación económica nin, como consecuencia, as dificultades ás que se enfrontan os veciños. Nunha situación de dificultade para todos, resulta que contan recadar máis por vía impositiva”. Isto é grave, porque “mentres os nosos veciños se afogan coas subidas obscenas dos custos da enerxía, e de tódolos produtos de primeira necesidade, o Concello non programa medidas fiscais para que a xente pague menos”.

Os populares botan de menos, “en plena crise da enerxía e do clima, medidas para a redución do gasto enerxético e para implementar novas tecnoloxías nas instalacións do Concello”. Lamentan tamén que “non se anuncien medidas para dar axudas para pagar os alumeados ós nosos veciños, especialmente aos do rural, que teñen que pagar o custo enerxético da farola instalada nas súas vivendas e que debería ser do alumeado público”.

Así mesmo, Rodríguez explica que “o goberno local volve a presentar un orzamento onde non se contempla a RPT dos traballadores e, polo tanto, non se vai aplicar. Un ano máis, e van 7. Tardaron bastante menos en poñerse eles os soldos cando accederon ao goberno”, matiza.

Gastos e sobrecustos

O PP destaca que se “contratan traballos a empresas privadas, máis de 50.000 euros ao ano, cando teñen persoal municipal perfectamente preparado para facer ditos traballos, co sobrecusto que iso supón”. Engaden que “queren mercar máis maquinaria” posiblemente, á vista da experiencia, “para tela parada ou avariada”.

O portavoz popular aporta datos que reflexan cal é a xestión do goberno local: “O gasto que supón pagar aos membros do goberno para este 2022 é de 97.600 euros, un 3,84% do total do presuposto. En cambio áreas vitais para ter riqueza no pobo (agricultura e gandería, industria e enerxía, comercio, turismo, pequenas e medianas empresas, etc.) teñen en total un presuposto de gasto de 86.200 euros, o que supón un 3,55% do total do presuposto”. Polo tanto, lamentan que “o orzamento non recolla medidas de apoio a sectores fundamentais como son a zona rural e o comercio”.