Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro esixe a Loureiro que mellore o polígono de Landrove como acordou o pleno

Por 26 Marzo, 2022Sin comentarios

O PP de Viveiro esixe a Loureiro que cumpra o acordo plenario para mellorar o polígono de Landrove e critica que en 5 anos non pedira as subvencións da Xunta para parques empresariais.

“Os gobernos, de calquera ámbito, están obrigados a tomar decisións. Cando deixan de facelo, cando intentan aprazar a solución dos problemas, é síntoma de que son gobernos que cansaron, que quedaron sen ideas e que xa só esperan o momento de poder deixar a responsabilidade da xestión dos asuntos públicos”. En opinión do portavoz popular en Viveiro, Óscar Rodríguez, iso é o que lle ocorre ao goberno local presidido por María Loureiro. “A xestión económica do Concello, sinala Rodríguez, é unha clara mostra da falta de ganas de traballar do goberno local. Acaban de aprobar a iniciativa presentada polo PP para efectuar melloras no polígono industrial, recoñecendo así que presenta numerosas deficiencias, e din que a situación económica do Concello non lle permite intervir agora. E din isto despois de deixar perder durante cinco anos as subvencións da Xunta para a mellora de parques empresarias”.

Segundo espuxo o PP no pleno, entre outras necesidades do polígono de Landrove están o aumento de iluminación, a cobertura de internet, o incremento do número de contedores para a recollida do lixo, así como a dotación de sinalización tanto interior como exterior do parque. Óscar Rodríguez sinala: “Este goberno sen ideas e totalmente esgotado deixou pasar cinco ocasións de conseguir subvencións da Xunta para a mellora de parques empresariais. Subvencionan un 85% ata un máximo de 120.000 euros; incluso é posible conseguir un adianto do 25%. Que se lles pasara a primeira convocatoria, non sendo xustificable, podería ser entendible; pero é que pasaron todas as convocatorias e non se acolleron a ningunha. E dicir, pasaron 600.000 euros por diante da porta do Concello e non se molestaron en pedir nin un euro”

Rodríguez destaca que o polígono industrial de Landrove é de competencia totalmente municipal e está nun estado  case deplorable. Sinala: “Falan de que economicamente non poden abordar a mellora do polígono, pero levamos cinco anos e ningún deles se pediu as subvencións que hai dispoñibles”. Lembra que o goberno local deixou perder tamén subvencións para outros fins.