Skip to main content
Axenda Caducada

Galegas 8M convoca manifestacións en Vilalba e As Pontes este martes

Por 7 Marzo, 2022Marzo 8th, 2022Sin comentarios

Mulleres de toda a comarca organízanse un ano máis para dar voz ás reivindicacións feministas do Día Internacional da Muller, con protagonismo en Vilalba e As Pontes.

Durante o vindeiro martes 8 de marzo sucederanse diversas concentracións en toda Galicia para trasladar á rúa as esixencias dos colectivos feministas baixo o lema Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa!. Para ese mesmo día, dende o espazo unitario de Galegas 8M, faise un chamamento a unha folga das mulleres de 24 horas nos eidos estudantil, laboral, de coidados e de consumo.

“A pandemia veu agravar as violencias machistas, aumentou a carga do traballo de coidados, afondou en todas as fendas sociais e precarizou aínda máis os traballos e as vidas de todas as mulleres. Por iso seguimos comprometidas na loita contra a explotación dos nosos corpos e vidas, negándonos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais”, explican.

Debido á situación de pandemia que se está a vivir, as concentracións previstas estarán presididas polo uso da máscara e a distancia interpersoal, ao aire libre e nas prazas das devanditas vilas. As concentracións terán lugar ás 20.00 horas na praza da Constitución en Vilalba, unha manifestación que estará precedido por un obradoiro co título 8M do individual ao colectivo, a cargo de Noelia Darriba, ás 17.45 horas na casa da cultura. Ademais, a concentración vilalbesa contará coa representación da performance Mírame, da Escola Municipal de Teatro.

Nas Pontes tamén está prevista unha concentración e marcha a partir das 20.30 horas con saída dende o Concello.