Skip to main content

Hoxe abre o prazo para solicitar as bolsas para deportistas de modalidades individuais que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O pazo de solicitude das achegas, que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, rematará o 8 de abril.

Son un total de 185 bolsas cos que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove a participación continuada e progresiva dos deportistas lucenses de base nas distintas disciplinas, recoñecendo os seus logros e favorecendo o progreso na súa formación integración integral.

As contías variarán entre os 300 e os 2500 euros en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde os campionatos provinciais ata as olimpíadas, ao longo de 2021.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos que lles supón a estes deportistas acudir ás probas e tamén incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, especialmente nas etapas de iniciación, que son o principal obxectivo desta liña de apoio ao deporte” e explicou que “como vimos facendo habitualmente, para impulsar a igualdade no deporte, as bases recollen incentivos para a participación feminina”

Para poder optar aos premios será requisito indispensable ter residencia en calquera dos municipios da provincia de Lugo, e polo tanto, estar empadroado ou empadroada nalgún destes municipios dentro do prazo de presentación de solicitudes. Ademais, deben ter en posesión a ficha ou licenza federativa durante o ano 2021 e manter na data de presentación de solicitudes (ano 2022) a ficha ou licenza oficial na disciplina ou modalidade deportiva para a que se solicita o premio.

Resérvase expresamente unha porcentaxe mínima do 7% deses 185 premios para deportistas con capacidades diferentes, é dicir, un total de 13 premios que de non seren cubertos, pasarían automaticamente ao resto de deportistas solicitantes.