Skip to main content
Lugo

O edificio Impulso Verde volve atraer as miradas, esta vez ao LIFE Wood for Future

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

O edificio municipal Impulso Verde, promovido polo executivo de Lara Méndez na Garaballa, segue a reforzar o seu labor divulgativo. Tras acoller o pasado luns a expertos de seis países dun das iniciativas europeas máis importantes polo clima, o Climate Smart Forest Economy Program, este mércores recibiu unha nova visita por parte do equipo técnico e de dirección do LIFE Wood for Future, así como de profesionais e científicos vinculados a este proxecto europeo, que se está a desenvolver en Andalucía.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentou este pioneiro edificio á comitiva andaluza, formada por representantes da Universidade de Granada, membros do Consello Social de Granada, o Grupo URECAN, a Asociación de Constructores e Promotores, persoal do Clúster de Construcción Sostenible de Andalucía e membros da Axencia de Vivenda e Rehabilitación de Andalucía (Junta de Andalucía). Na visita tamén participaron industriais e arquitectos andaluces, así como o o Delegado Provincial de Turismo de Granada, Gustavo Adolfo Rodríguez, e membros do LIFE Lugo+Biodinámico.

Miguel Fernández agradeceu “o interese mostrado polo equipo do LIFE andaluz por coñecer este novo inmble, que xa é un referente na construción sostible na nosa comunidade e a nivel nacional, polo que estamos encantados de que institucións e outras administracións, tanto do país, como estranxeiras, o veñan a coñecer e sirva de exemplo para novos proxectos e iniciativas que contribúan a frear o cambio climático e a deseñar as cidades sostibles do futuro”.

O encontro de hoxe serviu para establecer sinerxias entre os proxectos LIFE de Lugo e de Granada, ao mesmo tempo que o equipo andaluz puido coñecer os principios de desenvolvemento da industria forestal e as iniciativas que se están a levar a cabo dende o Concello de Lugo para o fomento do uso da madeira local na construción.

A visita ao edificio municipal Impulso Verde e a posta en común de coñecemento entre proxectos LIFE organizouse grazas a unha colaboración entre PEMADE e a Universidad de Granada.

LIFE Wood for Future
O LIFE Wood for Future ten como obxectivo recuperar as alamedas da Vega de Granada e transformar a súa madeira en elemento estructural para a construción. Ademais, o proxecto pon o foco no impulso ao desenvolvemento dun sistema económico andaluz sostible ao longo de toda a cadea de valor, dende o sector primario ata o da construción, permitindo a implantación da bioeconomía do chopo en Granada e toda Andalucía a través da valorización ao máis alto nivel da súa madeira.

Este proxecto foi seleccionado pola Comisión Europea para recibir financiación a través do programa LIFE en setembro de 2021. Está coordinado pola Universidade de Granada e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Granada, a Confederación de Organizacións de Selvicultores de España, a Plataforma de Enxeñería Estrutural da Madeira (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela e 3 edata Enxeñería Ambiental S.L. como socios beneficiarios.

O Impulso Verde, referente en sustentabilidade
Pese a non atoparse todavía en funcionamento, o Impulso Verde xa é todo un referente no ámbito da construción sostible. O interese que xera débese principalmente ao uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta polo consumo enerxético case nulo reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.

O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a prestixiosa certificación de proxectos FSC (que garante que non contribúe á deforestación e aposta polo produto local), converténdose nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O Concello de Lugo impulsa o LIFE Lugo + Biodinámico para unir de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica da cidade. Con este proxecto, Lugo sitúase como un referente europeo na acción fronte ao cambio climático en contornas urbanas, á vez que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sustentable e a xeración de empregos verdes.