Skip to main content
Monterroso

O Concello de Monterroso ten que indemnizar ás traballadoras do SAF por danos morais

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de ditar sentenza ratificando a sentenza do Xulgado do Social Nº 3 de Lugo na que se condena ao Concello de Monterroso a indemnizar ás traballadoras do SAF por dano moral, despois de obrigalas de forma ilegal mediante unha Modificación Sustancial das Condicións de Traballo (MSCT) a traballar nas xornadas do 24 e 31 de Decembro de 2020. Así o Concello deberá de indemnizar a cada traballadora coa cantidade de 50€ + xuros legais por cada un dos dous días que traballaran.

Desde a propia CIG advertiuse por escrito ao Concello de que os días 24 e 31 de decembro non eran laborables, e que estaban a incorrer nunha situación de MSCT, ao que o concello respondeu reafirmándose na súa decisión e na legalidade da mesma, sen ofrecer ademais alternativa de ningunha medida compensatoria, tal e como recolle a sentenza do TSXG.

Desde a CIG amosan a súa satisfacción por esta sentenza ao conflito colectivo presentado pola central sindical, posto que “a adopción de dita medida fora un acto de prepotencia e desprezo e caudillismo do goberno municipal cara ás traballadoras do servizo, e entendemos que ven a restaurar a honorabilidade e profesionalidade das traballadoras do servizo fronte ás difamacións vertidas publicamente, mesmo en pleno municipal, pola propia alcaldesa, Rocío Seijas, que durante o proceso de privatización do servizo utilizou dunha forma miserable a presentación desta demanda, presentándose ademais como vítima, e utilizando a mesma como un dos argumentos para xustificar a privatización do servizo” afirmou o grupo sindical.

Desde a CIG “entendemos que a alcaldesa debera de pedir desculpas publicamente ás traballadoras no pleno municipal, (foro que utilizou para difamar contra as mesmas pola existencia desta demanda) polo dano moral inflixido ás mesmas e pola utilización perversa dos dereitos das mesmas a defender os seus dereitos para xustificar unha medida de privatización do servizo público, utilizando unha decisión ilegal cometida por ela para desacreditar o traballo e profesionalidade das traballadoras do servizo”.

O grupo sindical convida tamén ao goberno municipal a rectificar “na súa soberbia e caprichosa política de persoal, posto que este tipo de practicas o único que fan é enrarecer o clima laboral”.