Skip to main content
Portomarín

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou Portomarín

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou onte en Portomarín (Lugo) o apoio do Goberno ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago, con dúas actuacións cun investimento de medio millón de euros que combinan a necesaria conservación do patrimonio coa utilidade pública e ordenada do mesmo. En concreto, trátase da construción do Centro de Visitantes do Castro de Castromaior e a rehabilitación do interior do Pazo de Xeneral Paredes para posibilitar o seu uso público como centro cultural, executadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Contribuímos así a darlle unha maior proxección se cabe aos valiosos recursos turísticos deste Concello, que é unha das pezas clave do Camiño Francés na provincia de Lugo”, sinalou o delegado.

José Miñones desprazouse hoxe ata Portomarín acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, para supervisar o estado das dúas actuacións, nas que o Goberno inviste preto de medio millón de euros. Con eles estivo o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas.

Centro de visitantes do Castro

No Castro de Castromaior, o delegado visitou o novo centro de visitantes, que xa está rematado, e a parte do Camiño recuperada, que era a traza orixinal.

O centro de visitantes configúrase como porta e invitación ao coñecemento e visita do Castro de Castromaior, un dos máis grandes e espectaculares de Galicia, pero tamén como alto no camiño para o descanso do peregrino.

As obras foron financiadas integramente polo Ministerio de Transportes e supuxeron un investimento total de 313.000 euros.

Con esta actuación tamén se recupera a traza orixinal do Camiño de Santiago, que cruzaba o castro. Esta recuperación permite que os peregrinos gañen en seguridade ao non ter que percorrer o camiño que ata agora discorría paralelo á estrada nacional cun evidente risco para os camiñantes.

No que respecta ao edificio de recepción e información, este consta dun espazo de vestíbulo para a recepción de visitantes e peregrinos, dúas salas de exposición e unha área de arqueoloxía, con acceso restrinxido aos arqueólogos que realizan escavacións no castro. As obras executadas permiten o estacionamento na parcela de automóbiles e autobuses.

Pazo do Xeneral Paredes

Xa na vila de Portomarín, o delegado achegouse ata o Pazo do Xeneral Paredes, no que o Ministerio de Transportes está a investir 156.500 euros na súa rehabilitación interior. Esta actuación, que xa está moi avanzada, permitirá habilitar o inmoble como centro sociocultural, no que a veciñanza poida realizar diversas actividades e recibir servizos deste tipo nunhas instalacións modernas e adaptadas á normativa vixente.

As actuación inclúe traballos de redistribución do interior, renovación de chans, teitos, muros e carpintería. Tamén se contempla a instalación dun ascensor e ramplas, a creación de vestiarios e aseos adaptados, así como a renovación das instalacións eléctricas, de calefacción e de fontanería.

Reunión na Casa do Concello

O delegado do Goberno rematou a súa visita cunha xuntanza na Casa do Concello de Portomarín na que participaron o alcalde e o equipo de goberno e a subdelegada do Goberno na provincia.

Na reunión, José Miñones reiterou a vocación municipalista do Goberno e as liñas de traballo que está a desenvolver nos municipios máis pequenos, como é o caso e Portomarín. Así, avanzou que a convocatoria xa aprobada do Plan Único de Banda Ancha beneficiará ao concello de Portomarín proporcionando conexión a internet de alta velocidade a 182 vivendas e empresas deste concello que carecían deste servizo.