Skip to main content
Ribas de Sil

Nova inversión de 70.100 euros para o xeocamping de San Clodio, en Ribas de Sil

Por 19 Marzo, 2022Sin comentarios

As obras de urbanización e humanización da parcela do “xeocamping” de San Clodio, en Ribas de Sil, contará cunha inversión do concello e da Xunta de 70.100 euros para “continuar coa súa aposta por este espazo que está chamado a ser un elemento dinamizador do desenvolvemento turístico, social e cultural do municipio”.

A nova actuación está cofinanciada nun 70% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do plan Hurbe, mediante un convenio polo que o concello asumiu a elaboración do proxecto e o departamento autonómico a contratación da execución e dirección das obras.

O “xeocamping” reúne o cámping turístico e o futuro Museo da Minaría Aurífera Romana; o delegado lembrou que na construción do edificio do museo traballou un obradoiro de emprego da Xunta, e o proxecto de musealización conta co apoio da Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel.

Os actuais traballos consistirán na mellora dos accesos ás actividades didácticas do exterior do museo; a modificación da entrada aos vestiarios e a mellora de vías en xeral, formando sendeiros peonís en lousa de cuarcita para o acceso aos bungalows.

Tamén se levarán a cabo actuacións de xardinaría e de instalación de rego automático e a canalización da rede de iluminación e alumeado, así como a formación dunha área de servizo para autocaravanas e aparcadoiro interior. Igualmente, instalarase mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, fontes e sinais verticais. O prazo de execución das obras será de tres meses.

O Plan Hurbe pretende mellorar as dotacións, equipamentos públicos e as contornas urbanas en xeral, acometendo actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas e servizos e, en definitiva, mellorando O benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas.