Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista Efrén Castro: “O BNG demostrou que ten esa capacidade transformadora”

Por 20 Marzo, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Como describiría o goberno actual de Sarria?
Eu creo que errático e con falta de proxecto. Esta é a marca da maioría dos gobernos independentes. O que fai falta é un goberno con proxecto a longo prazo para Sarria e, o actual, eu creo que o adoece.

Que necesidades presenta a vila na actualidade?
A ordenación urbanística. Estamos sen PXOM e sen o Plan Especial de Protección do casco histórico, que no mandato anterior intentamos aprobar e non puidemos. Tamén é preciso a humanización de espazos, creación urxente de solo industrial, recuperar para Sarria programación cultural de primeiro nivel como a que houbo no mandato pasado e outras cousas máis intanxibles como volver a sentirse orgulloso de ser Sarria. Eu creo que temos moito potencial turístico e rural e non se está sacando partido do mesmo.

Como está a traballar o BNG neste eido?
No BNG temos proxecto de futuro para Sarria, polo tanto nós traballamos en abordar con valentía os retos urbanísticos da nosa vila, para dotar a Sarria dunha ordenación adecuada ao ano no que vivimos. Tamén estamos a traballar en propostas que humanicen os espazos urbanos dándolle prioridade ás persoas porque está demostrado que isto ademais de facer máis agradable a vida reactivan o comercio local e a economía.

En canto a programación cultural contamos coa experiencia de cando estivo Mónica López ao fronte de cultura, tiñamos das mellores programacións culturais das vilas do tamaño de Sarria e ademais, eramos referente en programas de educación afectivo sexual ou na loita polo feminismo, tristemente a maioría destes programas desapareceron, dende a oposición non se pode facer programación cultural pero si facemos propostas e tratamos de que colaboren institucións como a Deputación a través da área de Cultura.

No eido turístico temos que aproveitar o que xa temos e potencialo creando por exemplo rutas que poñan en valor o patrimonio románico que temos.

Cal é a principal motivación do BNG de Sarria?
O principal é traballar para a veciñanza. Seguir avanzando na mellora da vida dos veciños de Sarria, avanzar na igualdade, no feminismo, defendendo os valores do BNG e tratar de que Sarria se converta nunha vila moderna e orgullosa de si mesma.

Que obxectivos marcarían a folla de ruta do BNG se chega ao goberno?
É vital modernizar as nosas normas. Levan moitos gobernos sen modificacións. Moitas veces si que houbo interese político no cambio das mesmas e se paralizou por parte da oposición e, outras moitas, como nesta non hai interese por parte do goberno. Eu creo que a marca do BNG como se pode ver en cidades como Pontevedra e Lugo é avanzar na humanización dos espazos. O BNG cando chega ao goberno é capaz de transformar as vilas e levalas a un urbanismo moderno onde priman as persoas por riba dos vehículos e iso é un obxectivo principal. Ademais, está demostrado que alá onde se implanta o modelo do BNG, a idea de vila moderna con preferencia para as persoas xera unha reactivación da economía. Un exemplo disto é Allariz, a única vila de Ourense que non perdeu poboación, outro gran exemplo é Pontevedra que está a centrar todos os titulares internacionais. Facemos que unha vila sexa máis cómoda repercutindo así no comercio local.

En que están a traballar na actualidade?
Agora mesmo estamos traballando en facer unha oposición construtiva e en positivo. As últimas mocións que levamos a pleno foron pola defensa duns servizos ferroviarios deste século, Sarria adouce de comunicacións ferroviarias decentes, os tempos de comunicación coas cidades galegas son escandalosos así como a falta de frecuencia de trens que ademais viuse agravado pola covid. O deputado do BNG Nestor Rego tamén levou iniciativas para defender un tren do século XXI no parlamento de Madrid. E tamén acabamos de defender unha moción para aprobar bonificación do IBI e do ICIO para aqueles veciños que aposten pola instalación de placas solares para autoconsumo enerxético que reduzan a pegada de carbono e axuden a mellor a economía familiar.

Cal é o maior atractivo de Sarria? Como se potenciaría dende o BNG?
É difícil definir un so atractivo que poida ter a nosa vila. Sarria ten moitas potencialidades somos unha potencia agro-gandeira polo tanto a defensa do sector primario é algo que sen dúbida potencia a economía do noso concello. Pero tamén temos o atractivo de ser unha cabeceira de comarca localizada en pleno camiño Francés, polo tanto, potenciar os atractivos turísticos e patrimoniais do noso concello para conseguir que o visitantes teñan un valor engadido no noso concello e poidan alongar a súa instancia, e así conseguir o obxectivo de fortalecer o comercio local.

Cal foi a maior decepción do BNG co goberno actual?
Creo que a maior decepción tivo que ver con certas mocións centradas en medidas de axuda aos sectores máis afectados pola pandemia que se aprobaron por unanimidade e non chegaron a converterse en realidade.

Que é o que máis desfruta do Concello?
A política local dáche unha proximidade e trato directo coa veciñanza que che transmite problemas do día a día, esa proximidade e a posibilidade de mellorar o noso pobo e o que máis desfruto do Concello.

De cara as eleccións do ano 2023, encabezará as listas do BNG?
O BNG é unha organización asemblearia e tocaralle a asemblea decidir quen encabeza. No BNG de Sarria levamos moitos anos cunha época tranquila e de paz interna, a asemblea decidirá o mellor para Sarria e para a nosa organización. Ao contrario do que pasa noutros partidos no Bng de Sarria non estamos centrados en liortas internas.

Que diría vostede que é o punto máis desaproveitado de Sarria?
Sarria, ten que ser o motor económico da comarca e para iso hai que traballar en dotala de chan industrial, seguir a potenciar o referente turístico que somos e seguir a potenciar eventos culturais e deportivos como descenso urbano, O gran Camiño, Esmorga fest etc, este tipo de actuacións situanos no mapa como un referente a nivel galego e estatal.

Cales son os puntos fortes do BNG en Sarria?
Os nosos puntos fortes é ter un proxecto, o BNG en todas as vilas nas que goberna demostrou que ten un proxecto e que ten esa capacidade transformadora. Somos un grupo de persoas traballadoras que o que nos motiva e construír e activar Sarria para levala ao nivel no que debe estar.

Cal é a maior preocupación do BNG de Sarria?
Todos estes anos que leva a vila á deriva que pasan gobernos sen proxectos a longo prazo para Sarria. Nós cremos que a política local ten que ter claro cara onde quere avanzar. Sarria necesita un goberno encabezado polo BNG, para levar tódalas transformacións das que estamos a falar con valentía e sen complexos para sacar a Sarria do vagón de cola e convertela no referente que debe ser.