Skip to main content
A PastorizaLugoMonforte

O hip hop feminista chega Lugo, A Pastoriza e Monforte da man de dúas rapeiras de El Salvador

Por 30 Marzo, 2022Sin comentarios

As mozas e mozos que este ano participan no  proxecto de educación para o cambio social Activistas polo O Mundo Que Queremos   recibirán a visita de dúas activistas salvadoreñas que loitan día a día contra a desigualdade de xénero a través da música hip hop. Son integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador a primeira organización de mulleres rapeiras de O Salvador.

Chegan a Galicia nun momento de grande inestabilidade política no seu país tras ser anunciado fai apenas dous días o estado de excepción debido a  escalada de violencia que se está a producir.

O obxectivo destes encontros que terán lugar mañá no IES Fonmiñá da Pastoriza de 10:35 – 14:15, no IES A Pinguela de Monforte de Lemos o proximo mércores 6 de abril de  12:35 a 14:15, é que os mozos e mozas coñezan a loita destas mulleres que pertencen a un colectivo co que traballa  a cooperación internacional galega,  e que reflexionen sobre a realidade dun pais como O Salvador en primeira persoa. As rapeiras tamén se reunirán coa Concelleira de Benestar social do Concello de Lugo.

Hip hop Femenino El Salvador fundouse no 2015 e ao longo destes anos foi forxando fortes lazos co movemento feminista, traballando con diferentes organizacións en actividades dedicadas á muller e á defensa dos dereitos humanos, especialmente Dereitos Sexuais e Reprodutivos. As mozas rapeiras integrantes deste colectivo que visitarán a nos aterra son Yezli Mic e Queen Mc.

Yezli Mic (@yezli_mic) é cantante, compositora, activista e feminista. Leva 8 anos pertencendo á Cultura HIP- HOP como MC ( Rapeira).

QueenMc (@queen_rap_) é compositora, cantante e activista As súas letras baséanse nas realidades sociais que enfrontan as mozas do seu país, a visibilizacion dos dereitos humanos e o empoderamento da muller.

Como integrantes de HIP HOP FEMININO O SALVADOR adícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para visibilizar os Dereitos Humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o HIP HOP como unha ferramenta para o activismo e a promoción da cultura de paz.

As ONGD galegas traballan man a man con organizacións salvadoreñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilíbrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionou sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia. Agora coñecerán a dúas activistas que dende a música intentan cambiar a súa realidade.

Esta é a novena edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a máis de 3.500 mozos e mozas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao  financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

AXENDA DA VISITA DAS ACTIVISTAS

XOVES 31 DE MARZO

  • 10:35h – 14:15h:  Charla para o alumnado do IES Fonmiñá na Pastoriza ( Lugo)

VIERNES 1 DE ABRIL

  • Reunión coa Concelleira de Benestar social do Concello de Lugo

MÉRCORES 6 DE ABRIL

  • 12:35H a 14:15H Charla para o alumnado do IES A Pinguela de Monforte de Lemos