Skip to main content
Mondoñedo

O centro de saúde de Mondoñedo conta con servizo de fisioterapia trala súa reforma

Por 15 Abril, 2022Abril 16th, 2022Sin comentarios

O centro de saúde de Mondoñedo xa conta cun espazo de fisioterapia que engrosará a oferta asistencial de Atención Primaria que se presta neste Concello. O goberno galego tamén acometeu outros traballos para reformar e mellorar o centro de saúde mindoniense, entre eles, a substitución da cuberta do edificio sanitario. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vén de visitar o centro de saúde de Mondoñedo para comprobar in situ o resultado dos traballos acometidos nesta infraestrutura sanitaria, cuxo investimento total rondou os 130.000 euros.

As obras para habilitar a nova área de Fisioterapia supuxeron un investimento de algo máis de 65.000 euros.  As actuacións levadas a cabo implicaron a construción dunha sala de exercicios con tres boxes de tratamentos para electroterapia, microondas e ondas de choque; e o resto da sala para a localización de dúas padiolas de tratamentos, dous ergómetros, unha mesa de mans, unhas espaleiras dun metro, paralelas e escaleira con rampla, entre outro material para a realización das terapias físicas e tratamentos recuperadores ou rehabilitadores dos pacientes. A nova zona de fisioterapia tamén conta con dous aseos adaptados con vestiario que constan de seis cabinas cada un. 

Os traballos tamén supuxeron a substitución da cuberta do centro médico mindoniense. O departamento sanitario do Goberno galego investiu máis de 64.000 euros na reposición de material da cuberta do centro para corrixir as patoloxías detectadas e o deterioro ocasionado polo paso do tempo nesta zona do edificio, e así mellorar a impermeabilidade e o illamento do edificio.  Os traballos levados a cabo no centro de saúde de Mondoñedo inclúense dentro do obxectivo xeral da Xunta de mellorar as infraestruturas de Atención Primaria, co obxectivo de acercar o maior número posible de servizos aos cidadáns e ofrecerlles unha asistencia sanitaria próxima, eficaz e de calidade.

MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DE ATENCIÓN PRIMARIA

A actuación en Mondoñedo forma parte das 13 actuacións de obra menor que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos executou ao longo de 2021 en distintos centros de saúde da provincia, por un importe total de 370.000 euros.

Máis alá das obras menores, desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. En total, a administración autonómica investiu nestes anos, máis de 120 millóns de euros na mellora e modernización das infraestruturas de atención primaria galegas.

No caso da provincia de Lugo, a Xunta de Galicia puxo en marcha nos últimos anos novos centros de saúde como o de Carballedo, Sarria e Monterroso. Nesta lexislatura vénse de poñer en marcha o centro de saúde de O Saviñao e xa están nunha fase moi avanzada as obras do novo Centro Integral de Saúde de Lugo, o primeiro de Galicia, que suporá un investimento total de máis de 12 millóns de euros.

Neste proceso de transformación e modernización da Atención Primaria, a Xunta aprobou o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria de Galicia, que no caso da provincia de Lugo contempla a construción de seis novos centros de saúde nos concellos de Antas de Ulla (do que xa está adxudicado o proxecto), Ribadeo, Pantón, Becerreá, Guntín e no barrio do Sagrado Corazón (Lugo); así como a reforma integral e ampliación dos centros de saúde de A Milagrosa en Lugo (xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas), Meira, Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil, e Praza do Ferrol (Lugo), que permitirán dotar a este nivel asistencial de modernas infraestruturas e máis medios diagnósticos e terapéuticos. 

A renovación das infraestruturas de Atención Primaria, xunto con outros mecanismos de xestión e organización innovadores para este nivel asistencial que está a poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde, como os Plans de Saúde Locais, a plataforma CRM100, as axendas de calidade, o sistema XIDE de xestión integrada da demanda, entre outras, darán paso a unha transformación da Atención Primaria facéndoa máis moderna, resolutiva, eficaz e adaptada ás necesidades dos cidadáns e converténdoa no eixe vertebrador da asistencia sanitaria pública de Galicia.