Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo organiza percorridos guiados durante a Semana Santa

Por 7 Abril, 2022Sin comentarios

A Concellaría de Turismo organiza percorridos guiados esta Semana Santa. Serán ás XeoRutas dos Arcos e da Ría e polo Ribadeo Indiano e Ilustrado. Trátase de actividades de balde. As prazas son limitadas, polo que é preciso anotarse. 

O edil ribadense dixo que “a Área de Turismo do Concello de Ribadeo continúa a organizar percorridos guiados a través dos que se poderá descubrir o seu importante patrimonio natural e cultural. Unha serie de rutas, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos moi diversos tanto dende o punto de vista natural como cultural”. 

Pablo Vizoso explicou que “no ámbito do RibadeoXNatural sinalamos dúas rutas. En primeiro lugar a dos Arcos que vai permitir explorar e visitar o conxunto dos arcos rochosos máis importantes da península ibérica. Terá lugar o 17 de abril ás 9:45 horas a primeira saída e ás 11:00 horas a segunda. Ten unha duración aproximada de 45 minutos e unha distancia a pé de quilómetro e medio e presenta unha dificultade baixa”.

O concelleiro de Turismo seguiu a relatar que “como segunda opción temos a XeoRuta da Ría, que nos vai permitir e descubrir a orixe da ría de Ribadeo, a súa evolución, e as formas que xerou nesta a erosión mariña e fluvial. Está prevista para o venres, 15 de abril, ás catro e media da tarde. Ten unha duración máis prolongada, son tres horas e media, a distancia a pé é de seis quilómetros e medio e presenta tamén unha dificultade baixa”. 

Vizoso Galdo indicou que “no ámbito do RibadeoXCultural destacamos dous roteiros guiados e interpretados, que nos van permitir gozar do fascinante patrimonio cultural e etnográfico presente en cada recuncho da vila. Así en primeiro lugar será a visita guiada ao Ribadeo Indiano, que nos dará a coñecer a cosmopolita arquitectura que se foi facendo presente e patente de forma rechamante na nosa vila da man dos emigrantes para simbolizar o seu triunfo e a súa volta. Esta visita está programa para o 9 de abril ás doce da mañá e para o 14 de abril ás cinco da tarde. Como opción igualmente interesante destacamos a visita guiada ao Ribadeo Ilustrado, que nos achegará a un conxunto histórico de combinación de pazos urbanos brasonados con sinxelas construcións de mariñeiros e artesáns polo casco vello de Ribadeo. Serán o 10 de abril ás doce da mañá e o 16 de abril ás cinco da tarde”. 

O edil engadiu que “todas estas visitas guiadas terán como punto de encontro e de inicio a Oficina de Turismo de Ribadeo, agás a XeoRuta dos Arcos que partirá do Punto de Información Turística da Praia das Catedrais. Todos estes percorridos organizados e promovidos polo Concello de Ribadeo son de balde, as prazas son limitadas e a súa reserva debe realizarse na sección de MOMENTOS da páxina web: turismo.ribadeo.gal e quen precise máis información pode dirixirse ao teléfono da Oficina de Turismo de Ribadeo 982 128 689”.