Skip to main content
O Valadouro

A Deputación colabora co Valadouro para mercar o antigo cine e un edificio en Ferreira

Por 6 Abril, 2022Sin comentarios

A Deputación colabora co Concello do Valadouro cunha achega de 65.000 euros para a adquisición de tres bens inmobles no centro de Ferreira. A entidade local mercou o antigo cine, unha parcela anexa ao cine e unha vivenda en ruínas con finca grazas a un convenio de colaboración asinado polo presidente provincial, José Tomé Roca, e o alcalde valadourense, Edmundo Maseda. O Concello achegou 10.020 euros.

O Concello xa adquiriu e ten escriturados estes inmobles co obxectivo de mellorar os servizos públicos que ofrece á veciñanza en Ferreira do Valadouro. A institución provincial amósase comprometida con estes proxectos que serven para que dende o Concello se atendan as necesidades sociais con novas dotacións públicas, á vez que se lles dá unha nova vida a infraestruturas que se atopan en desuso e deshabitadas. 

O presidente subliñou que esta achega económica pon de manifesto “o noso compromiso de colaboración co Concello para que poida ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños e veciñas e, desta forma, contribuír a que a xente se quede a vivir no noso rural”.

O antigo cine atópase na Avenida de Viveiro e foi construído no ano 1961. Conta cunha superficie de 405 m2 e a parcela anexa ten 217 m2. O Concello avaliará agora o estado da infraestrutura para poder estudar posibles usos sociais aos que poder destinalo. 

Pola súa banda, xa ten na súa propiedade tamén unha vivenda en ruínas que se atopa na rúa Concepción Arenal, fronte ao parque. A data do inmoble é de 1880 e ten 234m2, aos que cómpre sumar a parcela que ten 1.332 m2. Esta adquisición permitiralle ao concello ampliar o espazo destinado a eventos, como as feiras e o mercado semanal. 

Así mesmo, poderase ampliar a zona de estacionamento, así como tamén estudar futuros proxectos para desenvolver neste lugar que se atopa no corazón da vila.