Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación destina 2 millóns máis para as estradas provinciais

Por 30 Abril, 2022Sin comentarios

O presidente cumpre a súa palabra coa aprobación do acondicionamento dos últimos tramos que restan para completar a renovación das estradas provinciais de Momán ás Pontes e de Pedrafita a Seoane do Courel.

A Deputación de Lugo aprobou un novo investimento por preto de 2M€ para seguir mellorando a rede de estradas provincial. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión da Xunta de Goberno, na que se acordou licitar obras en 9 vías que discorren polas comarcas de Lugo, a Terra Chá, A Montaña, A Mariña, A Ulloa e a Ribeira Sacra.

García Porto lembrou que a rede provincial de estradas da Deputación de Lugo “é a de maior extensión de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos”, subliñando que nos Orzamentos deste ano 2022 están consignados máis de 17M€  para as vías provinciais, o que representa preto do 20% do presuposto total da institución.

Por concellos, a voceira socialista explicou que en Portomarín licitouse un contrato para a rehabilitación de dúas estradas: a LU-P-4902, que comunica o Alto do Valiño con Valdeporras por Vilaxuste, nun tramo que vai dende o punto quilométrico 1 ó 4; e un tramo de preto dun quilómetro e medio da LU-P-4909, de Toxibo ás Neves, entre o punto quilométrico 2 e o 3,235. As dúas obras contarán cun orzamento de preto de 260.000€ e un prazo de execución de 3 meses. Este proxecto é “moi importante para Portomarín e para  toda a zona porque supón a mellora do enlace coa N-540 cara Ourense”, destacou a voceira provincial socialista.

En Xermade, aprobouse por 314.000€ a licitación dos traballos de mellora do último tramo que falta para completar o acondicionamento da totalidade da estrada de Momán ás Pontes, a LU-P-2204. Trátase do treito que vai do punto quilométrico 8,340 ao 9,802, e conta cun prazo de execución de 8 meses.

“O Presidente da Deputación comprometeuse a rematar  esta estrada neste mandato, e, co paso que damos hoxe, cumpre a súa palabra”, sinalou García Porto, que engadiu que os 9 quilómetros da vía de Momán ás Pontes estarán renovados para o ano 2023. A voceira socialista sinalou tamén que “o esforzo inversor que fixo a Deputación para cumprir con este compromiso é importante porque supera os 1,3M€” e resaltou a importancia desta vía de comunicación, que cualificou de “estratéxica” porque vertebra o concello de Xermade e a esta zona da provincia, sendo a ruta máis curta para os desprazamentos a Santiago de Compostela.

A Xunta de Goberno acordou licitar tamén en Negueira de Muñiz un proxecto para mellorar a LU-P-3601, de Acebo a Negueira, unha estrada moi importante para a veciñanza da Montaña porque une este concello coa Fonsagrada. Os traballos inclúen a mellora de máis dun quilómetro, dende o punto 1,823 ata o 3,1, contan cun orzamento de preto de 95.000€ e terán un prazo de execución de 3 meses.

Luz verde tamén á licitación, en Pedrafita do Cebreiro, á mellora do tramo que restaba para completar o acondicionamento da LU-P-1301 que conecta este municipio da Montaña con Seoane do Courel. Trátase dun proxecto que afecta a máis dun quilómetro da vía, entre o punto 7,350 e o 8,640 ao que a Deputación destinará un investimento de preto de 285.000€ e contará cun prazo de execución de 6 meses.

García Porto lembrou que este proxecto tamén responde ao compromiso do Presidente, José Tomé Roca, de ter completamente renovada esta vía neste mandato e sinalou que a institución provincial destina un investimento total máis de 1M€ para conseguilo.

A Deputación de Lugo tamén mellorará a estrada da Marosa, a LU-P-1510, que conecta San Cibrao con Burela no seu tramo inicial, dende o comezo da vía ata o punto quilométrico 9,301. O proxecto contempla unha rehabilitación do firme e incrementar a seguridade viaria, conta cun orzamento de 124.000€ e terá un prazo de execución de 3 meses.

En Antas de Ulla aprobouse a licitación de obras na LU-P-4002, que discorre entre Palas de Rei e Antas por Ponte Mercé, no tramo comprendido entre o punto quilométrico 10,470 e o 11,614. O orzamento destinado é de preto de 106.000€ e o prazo de execución de 3 meses.

Na Pastoriza, a Deputación mellorará a LU-P-4401, que vai a Muimenta por Reigosa, no seu tramo inicial ata o punto quilométrico 1,5. O proxecto, que inclúe a mellora do firme e dotación de beirarúas, sae a licitación por 363.000€ e cun prazo de execución de 3 meses.

A institución provincial xa ten iniciadas obras nesta vía para mellorar, por tramos, o firme de preto de 11 quilómetros e renovar a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€.

Finalmente, no concello de Sober quedou aprobada a licitación dos traballos de acondicionamento dun novo treito da LU-P-5903, ata Doade. O proxecto é para o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 12,845 e 15,350 e as obras contan cun orzamento de preto de 135.000€ e un prazo de execución de 3 meses.

Estas obras completarán os traballos adxudicados neste mandato cun investimento doutros 200.000€ e que dotarán á Ribeira Sacra de mellores prestacións nesta vía, moi utilizada pola veciñanza e os visitantes que se achegan a miradoiros e adegas.

OUTROS ASUNTOS.

Melloras da fachada do Pazo de San Marcos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación das obras para acometer a reparación e o acondicionamento da fachada do Pazo de San Marcos por un importe de 120.000€. Trátase duns traballos cos que se pretende solucionar os problemas de deterioro da fronte do edificio provocados polo paso do tempo. 

O proxecto inclúe a limpeza da fachada e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e gretas, a eliminación de humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes. Tamén contempla a colocación na fachada dunhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, que xa existían antes da remodelación da Praza de San Marcos.

Subministro de gas propano no CAM de Meira

A Xunta de Goberno deu luz verde á licitación do contrato para o subministro de gas propano canalizado para o Centro de Atención a Maiores da Deputación en Meira por un importe de 44.000€ e unha duración dun ano prorrogable por outro, sen que a duración total exceda dos 3 anos.

Diferentes servizos para a Granxa Gayoso Castro

Adxudicado o contrato para a prestación de diversos servizos agrícolas e gandeiros na Granxa Gayoso Castro da Deputación por un importe próximo aos 70.000€ á empresa Isidro Hermanos Blanco Trigo. Trátase de servizos agrícolas e gandeiros como o empacado da herba seca, aplicación de produtos fitosanitarios, arado, gradado, abonado ou ensilado.

Remanentes do Plan Único 2021 en Foz

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello de Foz para destinar remanentes do Plan Único 2021 por un importe superior aos 20.000€ para novas actuacións. En concreto, para o acondicionamento do parque infantil Praza de Galicia, a mellora de diferentes camiños municipais e adquisición de colectores de recollida selectiva de lixo.

Oferta de Emprego Público

Este venres, a Xunta de Goberno aprobou así mesmo a convocatoria e as bases específicas que rexerán o procedemento selectivo para cubrir unha praza de técnico superior en desenvolvemento de aplicacións informáticas e 8 prazas de auxiliar de sala, todas elas incluídas na Oferta de Emprego Público da Deputación.

Embarcadoiro dos Peares

Aprobouse tamén, en Xunta de Goberno, outorgar unha concesión demanial do embarcadoiro dos Peares, situado no concello de Carballedo, por un período de 5 anos á Asociación Cultural Clube Náutico Os Peares tras recibir a solicitude do colectivo. Mediante este procedemento, a entidade solicitante queda habilitada para o uso privativo e gratuíto deste embarcadoiro de titularidade provincial. A habilitación estará condicionada á realización de actividades acuáticas, adestramentos e competicións impulsadas pola asociación. Unha medida destinada a promover o desenvolvemento turístico da zona do encoro dos Peares e a posta en valor do patrimonio paisaxístico.