Skip to main content
Lugo

Funcas e a Universidade Rey Juan Carlos sitúa no número 1 ao viveiro de empresarios de Lugo

Por 7 Abril, 2022Abril 8th, 2022Sin comentarios

O Centro de Iniciativas Empresariais da Fundación CEL foi situado como o primeiro dos viveiros avanzados de España polo Informe Funcas “Os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España. Ranking 2022-2023”, un estudo que a Fundación Caixas de Aforro (FUNCAS) e a Universidade Rey Juan Carlos de Madrid realizan dende 2013 para ofrecer unha radiografía do emprendemento e os axentes do ecosistema nacional de apoio a emprendedores.

Igualmente, e no relativo a aceleradoras, o ranking deste ano tamén sitúa a Business Factory Aero (BFAero), promovida pola Xunta de Galicia e da que a Fundación CEL é equipo xestor, no “top 10” das aceleradoras españolas con servizos avanzados.

Funcas xa situara ao viveiro de empresas da Fundación CEL entre os primeiros postos (segundo e terceiro) do podio nacional e autonómico en anteriores edicións deste ranking, valorando ítems relacionados coa multiplicidade das ferramentas de apoio que ofrece a entidade e que converte a viveiros como este en “máis útiles para a sociedade”, en palabras do investigador principal do estudo Funcas, Francisco Branco.

Xornada online
O estudo de Funcas presentouse nunha xornada online nacional na que participou o presidente executivo da Fundación CEL, Luís García Santalla, xunto con representantes das entidades promotoras do estudo e doutros centros clasificados nos primeiros postos do ranking.

García Santalla destacou na súa intervención que “a Fundación CEL comezou hai xa 25 anos impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo e un grupo de empresas de forma desinteresada”. Respondía a idea ó “que agora chamamos Responsabilidade Social Corporativa”, sendo esta entidade promotora do seu actual viveiro de empresas en 1999, o primeiro de carácter privado de toda Galicia.

Subliñou que non só proporcionan aos emprendedores unha “instalación física” senón tamén e sobre todo “servizos de asesoramento e apoio para o despegue” que favoreceron ao longo dos anos “a creación dun centenar de compañías que xeraron máis de 600 postos de traballo directos”, soamente no programa de viveiros.

Desde a Fundación CEL destácase tamén a importancia do traballo de difusión do espírito emprendedor con Universidades e outros centros educativos, desde a máis temperá idade escolar, así como a colaboración público – privada que levou ao seu Centro de Iniciativas Empresariais a sumarse a novos proxectos como as aceleradoras ViaGalicia e Business Factory Aero, impulsadas desde a Xunta de Galicia e que ofrecen un novo valor engadido aos emprendedores que se achegan á entidade.

Igualmente, a organización considera que os diferentes premios recibidos ao longo dos anos por proxectos que formaron ou forman parte tanto do viveiro como dalgunha das aceleradoras nas que está implicada a Fundación CEL, “dan un aval externo non soamente ao talento dos emprendedores que os puxeron en marcha, senón tamén ao traballo que se realizou con eles”.

A valoración de Funcas coloca a Lugo, segundo a Fundación CEL, como epicentro e exemplo a nivel nacional no traballo que desenvolven viveiros e aceleradoras para o apoio á creación de empresas e ao emprendedor e no impulso á innovación na súa contorna.

Rankings parciais
O estudo de FUNCAS subdivide aos viveiros de empresas en diferentes categorías, segundo os servizos que prestan a emprendedores e a súa calidade, establecendo un total de tres rankings (de viveiros avanzados, medianos e modestos), e valorando ao da Fundación CEL como un viveiro avanzado.

A maiores, inclúe diversos rankings parciais segundo a tipoloxía dos servizos de apoio ofertados a emprendedores. Destaca neste sentido a posición do viveiro lucense nas áreas de difusión do espírito emprendedor, pre-incubación ou graduación.

Por outra banda, tamén subdivide ás aceleradoras en diferentes categorías, cualificando a BFAero como avanzada, e destacando especialmente do seu traballo, neste caso, o programa de aceleración, en cuxa valoración sobe ao terceiro posto do ranking nacional (e un ítem no que tamén figura a aceleradora ViaGalicia da que a Fundación é sede norte), ou a súa capacidade de resiliencia nos tempos de crises.

O ranking de FUNCAS e a Universidade Rey Juan Carlos persegue pór en valor os puntos fortes e débiles do sector do emprendemento en España, analizando a situación actual de viveiros e aceleradoras como catalizadores do desenvolvemento do tecido empresarial, nun contexto no que a actividade emprendedora converteuse nun instrumento dinamizador da economía e peza crave para a innovación, a competitividade e o crecemento. Valoran moi especialmente dos viveiros de empresas que non sexan soamente catro paredes e mobiliario, senón que tamén conten con acordos de colaboración con outras empresas e entidades, servizos de asesoramento, apoio para conseguir financiamento, posibilidade de networking, entre outros, aspectos nos que a Fundación CEL destaca.