Skip to main content
Palas de Rei

Palas de Rei presentará alegacións ao anteproxecto de Lei de mobilidade sostible

Por 12 Abril, 2022Sin comentarios

O Concello de Palas de Rei amosa o seu profundo rexeitamento ao anteproxecto de Lei de mobilidade sostible por consideralo moi negativo para os concellos rurais e do interior de Galicia.

Neste anteproxecto, o executivo central pretende eliminar varias paradas en certos concellos galegos que están a prestar un importante e necesario servizo a cidadanía. O alcalde de Palas de Rei, un dos concellos afectados, Pablo Taboada, amosa o seu profundo malestar ante esta medida que pretende eliminar paradas de bus nas liñas estatais que discorren polo municipio. Traslada, a súa vez, a súa total disconformidade con esta actuación, xa que segundo califica, é “un atentado” contra os concellos do rural.

O alcalde palense, amósase preocupado coa liña que discorre entre Lugo e Santiago e que, con esta decisión do goberno central, suprime paradas en Palas de Rei, Melide e Arzúa. Liña, que está a prestar un importante servizo ós veciños/as destas localidades, pero tamén, ós estudantes e os múltiples peregrinos que visitan a zona.

O rexedor, amosaba a súa total indignación con esta decisión, a vez que, expresaba que “de nada serve que dende os Concellos traballemos e nos esforcemos polo rural, si dende o Goberno de España se eliminan continuamente servizos básicos e necesarios para o rural, como este”.

O Concello de Palas de Rei presentará alegacións a este anteproxecto normativo, agardando que sexan tidas en consideración polo Ministerio de Transportes.