Skip to main content
Quiroga

Un equipo de investigadores da USC restaurarán o monte incendiado da Ribeira Sacra

Por 3 Abril, 2022Sin comentarios

O equipo de investigadores do grupo Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC acometerá a restauración de parte da superficie do monte da parroquia quiroguesa de Quintá de Lor asolado polas lapas ao abeiro do proxecto Life VAIA, un programa europeo liderado pola Rexión de Asiago (nordeste de Italia) e orientado á restauración de áreas afectadas e degradadas no últimos anos por eventos extremos, tales como tormentas, inundacións, incendios, volcáns, terremotos…

O grupo de investigación da USC que coordina a catedrática Rosa Mosquera participa neste programa Life, que acaba de presentarse esta semana en Italia, como integrante dun consorcio do que tamén forma parte outros 11 socios (entidades públicas e privadas, universidades, asociacións, fundacións…) de Francia, Italia e España. O obxectivo deste proxecto europeo, cuxas actuacións se prolongarán ata 2026 e que conta cun orzamento de preto de seis millóns de euros, unha partida da que o grupo da USC xestionará uns 500.000 euros, é a recuperación de áreas boscosas para así mellorar os ecosistemas previamente danados e fomentar o desenvolvemento de novos produtos e servizos sustentables.

Os distintos socios promotores do Life VAIA apostan pola aplicación de técnicas agroforestais innovadoras como xerme de novas oportunidades para a recuperación de terras, así como para aumentar a súa resilencia ecolóxica, económica e social. O proxecto encádrase tamén na estratexia ambiental da Unión Europea destinada a protexer os bosques dos danos causados polo cambio climático, fortalecer os ecosistemas locais e protexer a súa biodiversidade.

O proxecto Life VAIA implica o desenvolvemento de técnicas de intervención innovadoras para a reconstrución de bosques, que posibilitan a promoción da adaptación da vexetación forestal ao cambio climático a través do emprego de estratexias agroforestais acaídas para dar solucións e facer fronte, a curto e longo prazo, aos danos causados polos eventos climáticos extremos. Este tipo de estratexias, indica Rosa Mosquera, permite investir na produción de produtos ecolóxicos cun impacto mínimo, aumentando a biodiversidade e o uso sustentable dos recursos, ademais de favorecer a restauración e a readaptación das áreas.

As actuacións que están previstas realizar na superficie de monte de Quiroga obxecto deste proxecto Life, explica Rosa Mosquera, son diversas e abranguen desde a plantación de especies arbóreas caducifolias e perennifolias, ademais doutras plantas melíferas, ata a instalación de apiarios na zona obxecto desta intervención, que, ademais das distintas intervencións, tamén están previstos outros traballos orientados a avaliar o grao de restauración dos solos e da vexetación danada polas lapas.