Skip to main content
Samos

Luís Celeiro Álvarez será nomeado Valedor do Camiño en Samos

Por 6 Abril, 2022Abril 7th, 2022Sin comentarios

O próximo 23 de abril a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos fará entrega ao xornalista, escritor e profesor samonense Luís Celeiro Álvarez o recoñecemento como Valedor do Camiño.

Esta celebración estará apoiada por 18 colectivos máis que queren poñer en valor o traballo e o mérito que ten o samonense tras o seu esforzo por promover, estudar e divulgar o Camiño de Santiago.

O acto dará comezo ás 12.45 horas no monasterio de Samos. No seu remate, ás 14.30 terá lugar unha comida nun restaurante da localidade.

Aquelas persoas que queiran participar no acto deberán reservar de maneira previa no restaurante.

Este nomeamento estaba previsto que se celebrara no mes de decembro de 2020, pero a situación sanitaria impediuno e fixo que se adiara ata este mes de abril.

LUÍS CELEIRO
Luís Celeiro está licenciado en Ciencias da Información (rama de Xornalismo) pola Universidade Complutense de Madrid, é doutor en Socioloxía e Ciencia Política, pola Universidade de Santiago de Compostela.

Desenvolveu a súa actividade como xornalista en A Nosa Terra, o semanario Tempo Galego, correspondente de Diario 16 en Galicia, colaborador de La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego e O Correo Galego, xunto con outra serie de publicacións diarias e semanais.

Ademais, tamén ten distintas obras publicadas que teñen como eixo central o Camiño de Santiago.