Skip to main content

César Dorado leva 28 anos na Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega e 17 como presidente.

César Dorado Pin, gandeiro e construtor, está ligado ao sector desde sempre. Calquera que lle coñeza sabe que a defensa que fai da Raza Rubia Gallega vai máis aló da súa vinculación coa asociación, e a súa explotación do Corgo é unha clara mostra diso. Forma parte da directiva de Acruga desde o ano 1994, con Ricardo Pérez Rosón de presidente. Para o fundador e anterior presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega, Dorado Pin só ten eloxios, “por ser o auténtico impulsor de Acruga e tamén por cambiar o paso á rubia gallega e convertila no que é hoxe: a referencia a nivel internacional de carne de calidade e nunha raza cada vez máis empregada para os cruces de produción cárnica”. Despois de 28 anos na asociación e de 17 como presidente se mostra orgulloso dalgúns dos seus logros pero de seguido advirte que “aínda quedan metas por acadar”.

Como xurdíu Acruga e cales foron os primeiros pasos deste colectivo?

Creouse no ano 1968 grazas á iniciativa de Ricardo Pérez Rosón e no ano 75 deuse un gran paso ao ser recoñecida como Entidade Colaboradora do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a xestión do Libro Xenealóxico da Raza Rubia Gallega. A finais dos anos 90 e xa nos primeiros anos 2.000 se foron dando pasos moi importantes naquel entón en canto á mellora e evolución xenética da raza e tamén en exportación de seme, sentando as bases do que é agora a Raza Rubia Gallega no exterior.

Cales eran os obxectivos iniciais da asociación?

Por riba de todo mellorar a raza rubia gallega, conservar o patrimonio xenético herdado e melloralo, adaptándose aos tempos, así como a defensa dos intereses dos nosos gandeiros. Como entidade colaboradora co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM, antigo MAPA) tamén se ocupa da xestión do Libro Xenealógico e do Programa de Mellora da raza, en todo o Estado. Outros fins que nunca cambiaron ao longo dos anos foron a conservación, valoración e selección da raza, así como a difusión, promoción, fomento e expansión da mesma a nivel nacional e internacional.

“Na actualidade hai uns 1.500 gandeiros e gandeiras que están asociados a Acruga e temos contabilizados uns 35.500 exemplares”

Cantos membros ten e canto gando pertence á Raza Rubia Gallega?

Na actualidade hai uns 1.500 gandeiros e gandeiras que están asociados a Acruga, que ten contabilizados no rexistro do Libro Xenealóxico uns 35.500 exemplares. Conta con arredor de 1.500 gandarías activas, que teñen unha media de case 25 animais por explotación. En canto á distribución xeográfica, o 97 % do censo concéntrase en Galicia, con cada vez máis presenza tamén noutras comunidades autónomas como Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela A Mancha, Extremadura e Madrid.

Como foron os seus inicios na asociación?

Entrei na directiva con Rosón, no ano 94, e desempeñei os cargos de secretario e vicepresidente. Rosón non foi só o fundador de Acruga, senón o impulsor da raza durante todos eses anos. Tralo seu falecemento, en 2005, fun nomeado presidente e dende entón aquí seguimos; fixemos moitas cousas, pero aínda quedan moitas por facer porque esta raza ten moitísimo potencial.

De todas as actuacións en favor da raza que se conseguiron ao longo destes anos, de cales se sinte máis orgulloso?

En primeiro lugar dos convenios que asinamos co Ministerio de Agricultura para a xestión do Libro Xenealóxico; do acadado coa Xunta de Galicia para impulsar e avanzar na mellora xenética da raza e do acordo coa Deputación de Lugo para traballar conxuntamente na recría de exemplares de pura Raza Rubia Gallega.

Pero tamén houbo outros convenios importantes, como o que asinamos en 2005 con Ternera Gallega que este mesmo mes ampliamos e que supón un gran paso no fomento da produción e comercialización da carne de calidade de vacas e bois de Raza Rubia Galega, co obxectivo final de ofrecer unha carne de excelente calidade e coas máximas garantías, para poder contar, aínda máis, coa confianza dos consumidores.

Tamén me sintoo orgulloso na apertura de mercados internacionais mediante a venda de seme. De comezar en Brasil, e co paso dos anos e de moito traballo, logramos chegar a varios países europeos, como Portugal, Francia ou Italia, e máis recentemente achegarnos a Asia, abrindo mercados en Indonesia.

Tamén abrimos mercados diferentes como o gastronómico, cunha maior presencia e recoñecemento da carne de rubia gallega en restaurantes e grandes cadeas de alimentación. E non podemos esquecer os avances na xenética, mellorando aspectos da raza, como a facilidade de parto, o maior rendimento dos canais, engrasamento… a verdade é que a rubia galego mellorou e avanzou en moitos aspectos; e aínda quédalle percorrido e mercados por conquistar.

As subastas son unha parte importante na promoción da raza. Manteñen o tirón este tipo de poxas?

Por suposto, eu diría que cada vez máis. A maior parte das subastas organízanse para presentar animais procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, da Deputación de Lugo, con quen colaboramos desde hai moitos anos para ofrecer aos gandeiros exemplares de alto valor xenético e de moi boas características produtoras, reprodutoras e morfolóxicas. As novillas van ás poxas preñadas e coas máximas garantías, polo que son moi demandadas. As nosas subastas chena gandeiras e gandeiros que queren incorporarse á raza e tamén produtores que necesitan ampliar as súas explotación. Ofrecemos garantía e iso os compradopres téñeno claro. Proba de que estas subastas funcionan  e que ano tras ano, os prezos medios suben, as cotizacións acadan récords e e moi raro que un animal quede deserto.

“O principal proxecto de Acruga para este ano é sexar seme de touro, o que permitirá escoller nacementos de machos ou femias”

Podería facernos un balance da situación actual do sector? Como afectaron as crises dos últimos anos ao sector? Covid, folga do transporte, guerra en Ucraína?

O sector do vacún de carne de raza rubia non foi unha excepción á hora de enfrontarse á pandemia, á redución dos prezos e á baixada da demanda de carne. Despois dun ano e medio moi complicado, semellaba que o sector comezaba a recuperar pero chegou unha nova crise, a guerra de Ucranía e a folga do transporte, co encarecemento dos cereais e o combustible. A verdade é que a situación é moi complicada, con problemas añadidos que xa tiña e para os que non se atopan solucións, como a falta de traballadores profesionais para as explotacións gandeiras ou a imposibilidade de poder contratar a media xornada. Hai uns días comentábamos que os nosos gandeiros está producindo á pérdidas, ao igual que noutros sectores, pero poden perder unha media de 350 euros por cada animal que levan ao matadoiro. 

Cales son os proxectos de futuro?

Entre os principais proxectos de Acruga para este ano destaca a posibilidade de sexar seme de touro, o que permitirá escoller entre nacementos de machos ou femias, e por tanto ter máis femias reprodutoras fillas dos mellores machos. Outro dos grandes proxectos futuros que beneficiará á Raza Rubia Gallega é contar co logo de Autóctono 100%, algo no que levamos meses traballando e que permitiría obter unha maior diferenciación para a carne de raza rubia. E, por suposto, desde a directiva de Acruga non deixaremos de solicitar máis axudas e compromiso por parte de todas as administracións cos gandeiros e gandeiras de Rubia Gallega e unha aposta máis firme coa nosa raza de carne autóctona por excelencia.

Ademais, acabamos de rematar un importante proxecto que nos permitiu introducir a xenómica nos traballos de mellora xenetica da nosa raza. Grazas a este novidoso proxecto poderemos saber como van ser as características dos tenreiros descendentes dos touros de inseminación artificial, sen necesidade de realizar probas previas, que é o que se fai na actualidade. Estamos moi ilusionados con estes novos proxectos.