Skip to main content
BarreirosCultura AMARIÑAXA

Ana Ermida: “Barreiros ten unha situación urbanística complexa”

Por 15 Maio, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Ana Ermida converteuse na primeira alcaldesa do Concello nas eleccións do 2019.

Pode facernos un balance do último ano para o Concello?

Facer un balance dun só ano é complexo, e máis nunha situación como a que se vén atravesando nestes dous últimos anos a nivel xeral coa pandemia e en particular en Barreiros, desde o inicio do mandato, coa situación na que collemos o Concello. Con todo, creo que no 2021 puideron verse proxectos interesantes que se puxeron en marcha e que amosan o camiño que podemos seguir, como é a creación de áreas de esparexemento para a poboación, a mellora de viais, a posta en marcha do proxecto de compostaxe comunitaria, a calidade da programación cultural e deportiva continuada e descentralizada, actividades en materia de igualdade ou o inicio dunha promoción turística diferente que pon en valor o territorio desde o seu coñecemento e o respecto ao medio como fíos condutores.

Que quedaría por facer?

Quedan moitísimos proxectos por facer e poñer en marcha. Só levamos tres anos e, como dicía antes, enfrontámonos a unha situación inusitada. Aínda así, non foi desculpa para estar parados nin moito menos. E ao que aspiramos é a seguir traballando para mellorar a calidade de vida da veciñanza e contar con servizos de primeira. Temos pendentes de iniciar as obras de remodelación das escolas de San Cosme para crear arquivo municipal e unha sala multiusos e o teleclub para crear locais para asociacións e para pequenas empresas ou persoas autónomas que precisen dun local onde prestar a súa actividade. Temos tamén proxectos para comunicar con sendas peonís e/ou ciclistas os centros urbanos e a zona de praias. E estamos traballando en proxectos de depuración e a posibilidade de adaptación aos distintos núcleos do interior. Sen esquecernos da necesidade de mellorar a zona do polígono industrial e poder desenvolver solo que permita un maior asentamento industrial.

“Hai que situar Barreiros no mapa das cousas boas, no caixón dos concellos con orgullo de seu e poder presumir del”

Cal é o maior proxecto que se levou a cabo dende que goberna?

Cando chegamos fixémolo conscientes das limitacións que atoparíamos. Aínda foron maiores do que pensábamos, porque a xestión que se fixera non permitía ter unha radiografía real da situación municipal de inicio. Con todo, centrámonos primeiro en traballos quizais pouco visibles, pero imprescindibles: a implantación de control no gasto, a priorización do mesmo, a xestión do traballo diario ou a optmización dos recursos foron fundamentais para poder frear a sangría económica que se estaba a producir. Por outra banda, investimos grandes esforzos no sistema de abastecemento de auga potable. Pode que a xente non se lembre, pero o habitual neste Concello hai uns anos era que a auga fora inservible en canto chovían catro gotas. Desde este goberno investimos esforzo e diñeiro en dotar o sistema de mecanismos modernos para o tratamento de auga e en formación do persoal, así como en renovar a propia rede en zonas que daban grandes problemas, como en Celeiro, San Cosme ou Remior entre outros. E tamén revisamos os sistemas de depuración e os melloramos na medida do posible. Son cousas que non se ven, pero fundamentais para tentar que o funcionamento diario do Concello sexa normal.

Cales son os beneficios de Barreiros fronte a outros municipios?

Non creo que sexamos nin mellores nin peores e tampouco podemos tratar de illarnos do mundo e vendernos coma unha burbulla. Barreiros ten de todo ao alcance da man: desde un rural vivo, que produce alimentos de altísima calidade para a poboación; ata espazos naturais de grande valor como pode ser o Santo Estevo ou a propia ría. Sen deixar de lado os areais polos que se nos coñece a todos os niveis. E por suposto, unha veciñanza aberta a acoller a calquera e respectuosa cos demais.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

O primeiro, que non se ve no día a día pero é fundamental: contar con unha economía saneada que permita planificar políticas e proxectos a medio prazo e poder priorizar non só en función da dispoñibilidade económica, que limita moitísimo e é o que levamos sufrindo nestes tres anos. Ao tempo, precisa mellorar os servizos básicos, desde a depuración ás infraestruturas e, para iso, é fundamental tecer redes e contar con colaboración doutras administracións, xa que un Concello coma Barreiros por si mesmo non ten capacidade para dotar de servizos de calidade á poboación habitual e absorver o que supón o incremento de poboación temporal.

Como se atopa o proxecto de construción dunha nova depuradora en San Miguel?

Desde o inicio marcámolo coma un obxectivo do que non decaemos. Este é un deses servizos nos que é fundamental a implicación doutras administracións e non serve buscar culpables, senón solucións. Por iso, desde o Goberno municipal seguimos insistindo en ter contactos con todas as administracións para que sexan conscientes da situación e se impliquen en solucionalo. Seguimos chamando ás portas, presentando o proxecto alí onde pode ter cabida e seguiremos traballando incansablemente ata conseguilo.

En que punto se atopa o tocante ao proceso xudicial co exalcalde?

Desafortunadamente para Barreiros, houbo anos nos que os procesos xudiciais eran o máis destacado a nivel municipal. Iso non só trouxo unha imaxe moi danada de Barreiros, senón importantes custos económicos que aínda teñen consecuencias. Nestes momentos, hai procesos pechados e outros, como a reclamación de gastos derivados de xuízo, que os concelleiros da oposición decidiron xudicializar, fronte ao que aprobaron en Pleno. Neses casos, estaremos ao ditado do que decida a xustiza, como non podería ser doutro xeito.

Despois de todo este proceso, Como se atopa a cuestión urbanística en Barreiros?

Barreiros ten unha situación urbanística complexa, cunhas normas moi antigas e obsoletas. Estamos traballando na redacción do Plan Xeral, para dotarnos dun instrumento de planificación moderno e que dea seguridade; tratando de evitar situacións que se puideron dar e cuxas consecuencias non son desexables para ningún municipio.

A finais do ano pasado pasaron a xestionar o comedor escolar do CEIP San Cosme, porque o Concello decidiu asumir esa xestión?

A decisión foi adoptada por responsabilidade e pola crenza absoluta de que os servizos públicos teñen que ser da mellor calidade posible. O CEIP de San Cosme ten servizo de comedor desde hai algúns anos xestionado pola ANPA, pero as dificultades para asumilo co voluntariado das familias eran cada vez maiores. Polo número de nenos que usaban o servizo, a Xunta decidiu non facerse cargo; polo que desde o Concello demos o paso adiante, na crenza de que como servizo complementario ao educativo é fundamental contar con el, non só como instrumento de conciliación; senón como parte fundamental na educación neste caso nutricional das crianzas. E con ese convencemento e nese sentido, estamos traballando nos hábitos de alimentación saudables e na formación de crianzas e familias.

Constitución da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero

Contan cun plan de igualdade e unha concellaría neste ámbito, que supón para o Concello e os veciños?

Pois trátase dunha aposta fundamental na implementación de políticas igualitarias para todas as persoas, traballadoras municipais e veciñanza. Cremos que as políticas de igualdade deben ser transversais e aplicarse no día a día e para iso é fundamental contar con coordinación e con instrumentos nos que basearse. Por iso traballamos a diario, desde a educación e para todas as idades. Porque crear unha sociedade máis xusta e igualitaria non só é un obxectivo abstracto, senón que ten que reflectirse no día a día e as administracións debemos ser actores impulsores neste ámbito.

“A problemática dos servizos nos pequenos concellos e, especialmente, no rural galego fai que cada vez a xente que aposta por vivir no rural “compita” con maiores desigualdades ca quen o fai en zonas urbanas ou semiurbanas”.

Houbo problemas polo servizo de saúde no rural e no Hospital da Costa. Está Barreiros afectado?

A situación da sanidade nesta comarca é, desgraciadamente, ben coñecida por calquera que viva aquí. Barreiros non queda á marxe da precarización da mesma e pasa gran parte do ano con menos persoal facultativo e de administración do que ten asignado, o que inflúe directamente na calidade do servizo que recibe a veciñanza. Capítulo aparte merece o servizo de pediatría, intermitente, escaso e, ao igual que todo o servizo de saúde máis dependente da vontade inequívoca dos profesionais que fai que funcione ca dos verdadeiros medios cos que conta. A maiores, por exemplo o verán pasado, cando a poboación se multiplicaba notablemente, non se contou con servizo médico estable para as persoas desprazadas e iso, indudablemente, sobrecarga aínda máis ao persoal habitual que xa sufre dunha sobrecarga importante.

Pecháronse tamén oficinas bancarias en Barreiros?

A problemática dos servizos nos pequenos concellos e, especialmente, no rural galego fai que cada vez a xente que aposta por vivir no rural “compita” con maiores desigualdades ca quen o fai en zonas urbanas ou semiurbanas. Isto parece unha contradicción clara a esa propaganda que recibimos cada día de volta ao rural, porque está claro que a xente precisa de servizos e comodidades no seu lugar de residencia. E o recorte que se vén producindo en sanidade, educación, servizos bancarios, correos, transporte, etc. provoca que moitas veces a escolla do lugar de residencia se fai desde un punto de vista sentimental e non pragmático. E o que non se pode é apelar só aos sentimentos para manter un territorio, senón que hai que apostar por el e investir o necesario para que non sexa só un lugar bocólico onde descansar, senón un lugar no que vivir dignamente. Aquí pechouse unha oficina bancaria nos últimos anos e quedou unha colaboradora o que reduce servizos desa entidade concreta. Con todo, o dinamismo que amosa Barreiros fai que sexa dificilmente xustificable que poidan adoptar esas medidas, mais debemos prestar atención por se puideran darse no futuro.

Ten algún proxecto de cara ao futuro?

Falabamos antes de proxectos de mobilidade entre as zonas urbanas e as praias ou de proxectos de rutas que xa se están a realizar. Tamén de proxectos alternativos de augas residuais en núcleos do interior e mesmo a EDAR. Proxectos que nalgún caso poden ser máis inmediatos porque requiren de menos dispoñibilidade económica ca outros. En calquera caso, o noso proxecto é seguir traballando para situar a Barreiros no mapa das cousas boas, no caixón dos Concellos con orgullo de seu e do que a veciñanza poida presumir coa cabeza alta de pertencer a un concello no que a bandeira é a humildade e a honestidade