Skip to main content
Viveiro

O II Encontro Europeo de Irmandades e Confrarías contará coa de Viveiro

Por 19 Maio, 2022Sin comentarios

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que forma parte o Concello de Viveiro, celebrará estes días o II Encontro Europeo de Irmandades e Confrarías. 

Este foro celébrase co obxectivo de poñer en común, dialogar e debater sobre algúns aspectos das celebracións de Semana Santa e Pascua, así como sementar novas bases para afrontar, dunha maneira colaborativa, o futuro destas tradicións, a súa conservación e sustentabilidade no tempo. 

Por parte do Concello de Viveiro participará Jesús Fernández, tenente de alcalde e membro da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro. Será un dos relatores da mesa redonda ‘A xestión das confrarías. Casos de éxito nos que se expoñen como funcionan internamente as confrarías’.

Na pasada edición participaron un total de 100 persoas. De inscrición gratuíta, o evento celebrarase en formato virtual e incluirá un total de catro mesas redondas que terán lugar os citados días en horario de 19:00 a 22:00 horas. Os coloquios estarán compostos por un membros de irmandades e confrarías de Eslovenia, España, Italia, Malta e Portugal. 

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua é unha organización que traballa pola difusión das tradicións vinculadas coa Semana Santa e Pascua, salvagardando deste xeito o seu rico patrimonio. 

O seu obxectivo fundamental é contribuír a un mellor coñecemento dos valores deste extenso legado, vivo nunha gran parte de Europa. Un legado que combina notables diferenzas locais, coa súa ampla difusión como elemento común de moitas rexións.