Skip to main content
Axenda Caducada

Imparten en Vilalba un curso de elaboración de conservas artesanais

Por 4 Maio, 2022Maio 14th, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo organizan un curso de elaboración de conservas artesanais para o que haberá 15 prazas.

O curso impartirase na praza de abastos de Vilalba os días 13 (de 16:00 a 20:00 horas) e 14 de maio (de 10:00 a 14:00 horas). A docente será Amparo Grandío Rodríguez, licenciada en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos, enxeñeira técnico agrícola e diplomada en Ciencias Químicas.

A través deste curso, aportaranse os coñecementos prácticos e teóricos que permitan ós alumnos e alumnas elaborar conservas de alimentos seguras e concienzalos sobre a necesidade da aplicación das Boas Prácticas de Manufactura.

Ademais, capacitarase ós alumnos para que poidan elaborar conservas de verduras seguras. O envasado é un método de preservación dos alimentos polo cal quedan protexidos ante xermes patóxenos, mediante a esterilización ou pasteurización, sempre acompañada do control de pH e/ou actividade de auga.

Trátase dun curso dirixido a todas aquelas pesoas que teñan inquedanzas tanto particulares como profesionais relacionadas coas conservas artesanais. Dirixido a emprendedores, persoal gastronómico, e toda persoa interesada en iniciarse na elaboración de conservas con técnicas, procedementos e normas de calidade requeridos.

As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse no rexistro do Concello de Vilalba (as prazas asignaranse por orde de inscrición).