Skip to main content
Lugo

Entrevista Edgar Bao: “Síntome apoiado pola xente de Lugo, tamén fago e traballo porque se me valore”

Por 14 Maio, 2022Maio 18th, 2022Sin comentarios

Falamos con Edgar Bao, cantante lucense.

Como describiría a Edgar Bao?

Unha persoa loitadora, sacrificada, humilde que loita polos seus soños. Cústame falar de mín.

Cando comezou a súa vinculación coa música?

Comecei a cantar con 2 anos. Miña nai sempre dicía que comecei a cantar antes de falar. Con 3-4 anos xa cantaba pola vila coplas e xa con 7 empecei a formación nunha escola de canto. Aos 14 participei na Voz kids e a partir de aí comecei unha carreira en solitario que segue ata o día de hoxe que non paro de moverme para intentar vivir da música.

Cal foi a súa primeira gran experiencia musical?

O mellor recordo que gardo é o primeiro directo en solitario que fixen nas festas patronais de Lugo. Foi unha honra poder entrar pola parte grande na miña cidade como o fixen no seu momento no San Froilán.

Tamén lembro con moito agarimo o concerto no que David Bisbal me convidou no ano 2017.

E, por suposto, a voz Kids tamén foi unha experiencia incrible.

Participou na Voz Kids como xurdiu esta oportunidade?

Xa me tiña presentado varias veces,. O ano que finalmente fun era a terceira vez que me presentaba. Foi grazas ao meu irmán que estaba pendente dos cásting. As dúas primeiras veces non o pasei e, na terceira ocasión cheguei á semifinal do programa. O fundamental foi seguir intentándoo ata que me colleron.

Cales son os seus referentes musicais?

Os meus referentes foron variando nos últimos tempos, gústame estar na actualidade, aprender e ter unha boa cultura musical, algo que considero fundamental. Antes escoitaba moito a Pablo Alborán e David Bisbal. A día de hoxe grandes referentes serían Bruno Mars, Dani Fernández na que destaco a sua traxectoria e Marc Anthony.

Cre que participar nun programa televisivo é unha potencia ou estanca a carreira musical do artista?

Depende, eu persoalmente tiven a gran sorte de ter unha boa repercusión e, a día de hoxe, inexplicablemente para min, segue tendo moita relevancia. Aínda que é certo que tamén coñezo casos que non tiveron tanta sorte ou tanta repercusión. No meu caso beneficioume moito.

Ten previsto ou quixo participar nalgún outro programa de TV?

Fai tres meses recibín unha proposta da Voz para presentarme outra vez en Antena 3 na edición de adultos, principalmente non me presentei porque o meu primeiro obxectivo é lanzar un EP e apostar por ese proxecto. Si me presentara a outro concurso sería Operación Triunfo xa que me gusta moito o formato.

Como é o proceso de creación dunha das súas cancións?

É moito tempo de traballo. Eu tiven a gran sorte de atoparme co produtor Will Cartaya, venezolano afincado en Madrid. Xusto cando eu estaba buscando un produtor co que me sentira ben e a gusto, co fin de cambiar a imaxe, Will púxose en contacto comigo. Comezamos a traballar xuntos e o proceso dunha canción é vía zoom, compoñemos os dous a letra e a produción. Tras isto, mándame unha maqueta e unha vez con 3 ou 4 temas viaxo a Madrid e gravamos. Will encárgase do resto do proceso de produción. A masterización foi obras de Jose Balyenoti.

Ten pensado compoñer en galego?

Xustamente co meu manager chegamos á conclusión de que queríamos presentarnos ante o Xacobeo e, para elo, queríamos facer algo en galego, non unha letra ao 100% pero algunhas pinceladas, é algo que está no aire, aínda non está materializado.

Cantas cancións ten publicadas?

Agora mesmo, propias, teño 4. Neste último EP que eu considero o meu proxecto, este traballo último é un pedazo de min, composicións miñas e conto as miñas historias.

Cal é o seu obxectivo?

O meu obxectivo é dedicarme ao que me gusta. A todo o mundo lle encantaría encher estadios, para min, o éxito non sería eso senón poder dedicarme ao que me gusta, ver que as miñas cancións chegan á xente, sentirme identificado coa miña música.

Fai pouco estreou unha nova canción Millas, como foi a acollida?

Sorprendentemente ben, con tan só 4 días de publicación xa levaba máis de 250.000 visualizacións en Youtube. Está gustando moito, estivemos tamén top30 en Novidades pop amazon music, é a primeira vez que estou nun playlist importante, estou súper orgulloso do traballo feito e da acollida.

Que novos proxectos ten en mente?

O máis próximo é a banda coa que estamos traballando na xira deste verán 2022. Con esta banda presentarei o EP. En principio, as actuacións serán bastante inéditas xa que non estarán publicadas todas as cancións e ademais tamén faremos algunha versión de cancións coñecidas.

Pódese vivir actualmente da música ou está a enfocar a súa vida noutro sector?

Son dos que pensan que hai que ter un plan B por si as cousas non funciona como se quere. Por iso, tamén estou estudando no Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, aínda que ao que máis dedico o meu tempo é á música. Loito polos meus soños e quero traballar e vivir disto.

Está a relacionar os seus estudos coa música?

Unha gran parte si. O meu irmán, que tamén estuda comigo, foi o director dos dous videoclips que fixemos ata agora. Pódense complementar os estudos coa música.

Como se ve nun futuro?

Boa pregunta. A min gustaríame verme dedicándome ao 100% ao que me gusta. A música é o que máis vivo. Poder facer concertos coa banda, sacando novos temas e que a xente se sinta identificado con eles.

Actuou en varias ocasións na cidade, síntese apoiado por Lugo na súa carreira musical?

Si. Para min o concerto de San Froilan en 2017 foi unha sorpresa, o meu primeiro concerto como solista e houbo arredor de 5.000 persoas, unha sensación incrible. Eu, persoalmente síntome apoiado pola xente de Lugo, tamén fago e traballo porque se me valore.

Ten ou tivo recentemente algunha actuación?

O pasado 24 de abril participei no tardeo solidario de Lugo con Ucraína e estamos a preparar a xira deste verán.