Skip to main content
Destacadas LUGOXADestacadas Otros LUGOXA

O Campus Terra traballa a súa pegada na vitivinicultura

Por 14 Maio, 2022Sin comentarios

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo proxecta unha fonda pegada no sector da vitivinicultura. Así o proba o feito de que a maioría das adegas e viñedos que manteñen a súa actividade están xestionados por profesionais e técnicos formados no centro universitario. Julián García Berrios é o profesor encargado de coordinar a especialidade en Vitivinicultura que se imparte no mestrado en Enxeñaría Agronómica.

Un terzo do alumnado que amplía a súa formación agronómica a través deste posgrao cursa a especialidade un dato que, segundo García Berrios, “dá conta da puxanza que actualmente ten en Galicia un sector ao que se lle agarda moito futuro”. A formación vitivinícola incluída no mestrado en Enxeñaría Agronómica, capacita ao alumnado para o deseño e o manexo da viña, así como para labores de xestión e dirección dunha adega, ademais de achegar outros coñecementos de enoloxía, produción vitícola e procesos da industria enolóxica, explica García Berrios, quen ve na formación vitivinícola “unha boa pasarela para acceder ao mercado laboral”.

“A conxuntura normativa leva a pensar que nun futuro pouco menos que inmediato, calquera actividade que se desenvolva nunha explotación vitivinícola requirirá da certificación dun técnico, do mesmo xeito que sucede nos ámbitos da xestión sanitaria e fitosanitaria dos viñedos, así como da dirección das adegas”, di o profesor.

A estas previsións, “cómpre sumar outras vantaxes presenta a vitivinicultura en Galicia, algunhas propiciadas pola diversidade climática e de variedades de uva e outras pola convivencia de viñedos e explotacións vitícolas propias da áreas atlánticas con outras localizadas en rexións de interior e con máis semellanzas coa realidade francesa”, di García Berrios.

“Galicia esperta moitas envexas no sector vitivinícola español”, afirma o tamén integrante do grupo de investigación Vitivinicultura e Sanidade Vexetal da USC, quen atribúe a boa saúde de que goza o sector en Galicia ao bo grao de rendibilidade acadado polas adegas e demais explotacións vitivinícolas, así como a ampla formación agronómica das persoas que responsabilizan da súa xestión.

A pegada da EPS de Enxeñaría do Campus Terra na vitivinicultura de Galicia “é xa moi importante”, reitera García Berrios. Aínda así, este profesor e investigador da USC entende que o futuro do sector pasa pola vitivinicultura rexenerativa, unha nomenclatura que, en grande medida, implica a volta ou recuperación de prácticas e usos tradicionais tanto de manipulación e fertilización dos solos como de control microbiolóxico das plantas.