Skip to main content

A escola xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos de Lugo, a Tradescola, vén de poñer en marcha un certame de debuxo co tema Os instrumentos da Música Tradicional Galega – A Zanfona. Este certame, que cumpre nove edicións, faise coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.

A finalidade desta actividade, dirixida aos nenos de primeiro, segungo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir a música e a cultura tradicional galega, entre os máis novos. Con este certame, a Tradescola axuda a que “coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma”.

A Tradescola é o proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo e que busca formación para todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste IX Certame de debuxo sobre os Instrumentos da Música Tradicional Galega, que neste caso estará adicado á zanfona.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (tradescola@gaiteirosgalegos.gal) ata o 27 de maio.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no vindeiro curso 2022/2023. O centro educativo ao que pertenza o gañador, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2022/2023.