Skip to main content
Lugo

Rosa Romero, primeira muller en dirixir a EPS Enxeñaría

Por 15 Maio, 2022Sin comentarios

A profesora da área de Produción Vexetal da USC, Rosa Romero Franco, accede á dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Faino cun reto por diante: fornecer a actual oferta de titulacións que se imparten actualmente no centro e potenciar a súa proxección.

A profesora buscará outorgar unha maior visibilidade do labor docente e de I+D que desenvolve a Escola, así como avanzar na internacionalización e captar alumnado procedente doutras universidades europeas e iberoamericanas.

Romero Franco, que durante os últimos oito anos ocupou a Subdirección de Prácticas Externas da EPSE, resultou elixida este xoves como nova directora do centro universitario lugués logo de recibir 73 dos 105 votos rexistrados nun proceso electoral ao que tamén concorría a candidatura liderada polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, Pablo Vila Lameiro.

O futuro equipo de dirección da EPS de Enxeñaría liderado por Rosa Romero Franco, que se converte así na primeira muller que accede a este cargo, mantén unha estrutura semellante á do goberno liderado polo profesor Tomás Cuesta durante os dous últimos mandatos. Deste xeito, a profesora María José Iniesto desempeñará as funcións de secretaria académica, mentres que os tamén docentes e investigadores da EPSE Carlos Núñez, Alberte Castro e Emilio Carral ocuparán, respectivamente, as subdireccións de Calidade, Organización Académica, e Prácticas Externas e Relacións Internacionais.

A directora electa da EPS de Enxeñaría, licenciada e doutora en Bioloxía que se incorporou como docente ao centro universitario lugués hai xa máis de tres décadas, considera que o seu equipo responde ao “perfil multidisciplinar e integrador dun centro no que traballan e fan investigación docentes adscritos a máis dunha vintena de departamentos”.

Consciente da “complexidade” que implica un centro como a EPS de Enxeñaría, no que se imparten 5 títulos de grao, 1 dobre grao, 1 grao aberto, 5 mestrados oficiais e 2 propios e 3 programas de doutoramento, Rosa Romero, apela á colaboración de todo o cadro de persoal, así como á do propio goberno da USC para conseguir así avanzar na mellora da calidade docente e da I+D+i que se fai nun centro universitario que conta xa con máis de medio século de historia en Lugo.