Skip to main content
Lugo

‘Así Xogabamos’ supera as 6500 visitas no MIHL a poucos días do seu remate

Por 15 Maio, 2022Sin comentarios

Máis de 6500 visitas en tres meses. Esos son os resultados da exitosa mostra Así Xogabamos que a concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua organizou no MIHL. Un percorrido pola historia dos xogos e bonecas “na que toda a familia poderá compartir lembranzas da infancia e ver como mudan os tempos a través dos xoguetes que desfrutamos en cada xeración”, explicou a edil de Cultura, Maite Ferreiro.

A exposición Así xogabamos está organizada pola área de Cultura en colaboración coa asociación Tekubi Toy.

“Esta mostra supera xa en visitantes á exposición temporal do ano pasado, A historia de Galiza a golpe de Click, que foi un gran éxito de asistencia”, afirmou Maite Ferreiro.

A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 28 de maio, nos horarios de apertura do MIHL, de martes a venres de 10 a 13:30 e de 16 a 19:30, sábados, domingos e festivos de 10 a 14 e de 16:30 a 19:30. O día internacional dos museos, 18 de maio, o MIHL abrirá en horario ininterrumpido dende as 10 ata as 20 horas.

Maite Ferreiro explicou que “estamos ante unha exposición que pretende crear un punto de encontro entre distintas xeracións, un espazo no que lembrar e aprender”, e engadiu “continuamos a achegar propostas novidosas e alternativas ao MIHL, continuando co éxito do ano pasado, onde se superaron todos os rexistros de visitantes dos últimos anos”.