Skip to main content
Lugo

Pontón resalta en Lugo a preocupación das familias pola “escalada de prezos”

Por 21 Maio, 2022Maio 26th, 2022Sin comentarios

Ana Pontón, voceira nacional do BNG, presentou na tarde de onte as alternativas do seu partido para facer fronte á suba de prezos. Fíxoo nun acto público celebrado polo Bloque na capital.

Ana Pontón afirmou que “a principal preocupación das galegas e galegos é a escalada de prezos que afecta ás familias, aos sectores produtivos e ás empresas”, e engadiu “desde o BNG desde o primeiro momento esiximos medidas urxentes e ambiciosas que eviten o colapso da economía galega e protexa ás familias”.

O acto do BNG contou tamén coas intervencións do Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, da Vicepresidenta da Deputación e Concelleira en Lugo, Maite Ferreiro e de representantes dos sectores afectados pola suba de prezos, Ángeles Salgueiro representando ao sector da perruquería, Manolo Muñiz en representación das e dos pensionistas e Ada Blanco en nome da mocidade.

O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis, incrementando a progresividade do IRPF, e evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais.

Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns.

“É preciso iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” destacou a portavoz do BNG.

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos o Goberno debe actuar.

O BNG reclama aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica”, explicou a Portavoz Nacional do BNG.

Para o BNG é preciso tamén impulsar medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, cunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo. Ademáis, Pontón afirmou que “é preciso prohibir por lei, de maneira permanente, o corte das subministracións básicas de luz, auga e gas”.

Por outra banda, a formación nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico.