Skip to main content
Lugo

O Colexio das Gándaras celebra os maios grazas aos hortos escolares

Por 23 Maio, 2022Maio 26th, 2022Sin comentarios

Continúa en Lugo a programación de hortos escolares nos centros de ensino para alumnado de sexto de infantil. O tenente alcalde, Rubén Arroxo e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, visitaron esta mañá o colexio das Gándaras onde se celebraron os maios.

O tenente alcalde e o concelleiro de Educación visitaron as instalacións do centro xunto con representantes da Tradescola, que colabora co Goberno de Lugo na elaboración das actividades.

Felipe Rivas explicou que “nos últimos meses, as nenas e nenos realizaron actividades utilizando o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental”. Ao mesmo tempo, as actividades espallan as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera, como a actividade realizada hoxe.

Os centros contaron con 7 sesións de 50 minutos, realizadas entre os meses de febreiro e maio. As sesións uniron actividades no horto e nas aulas, combinando distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os distintos obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo. As actividades rematarán coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.

Ao mesmo tempo, as e os nenos participantes puideron coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, ademais de aprender celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios.