Skip to main content
Lugo

Diego As ponlle cara a Breogán no Pazo dos Deportes de Lugo

Por 30 Maio, 2022Sin comentarios

O premiado muralista lucense Diego As é o encargado de embelecer o exterior do Pazo dos Deportes. Así, dende a pasada semana, o artista traballa nun deseño de 36 metros de ancho por 9,5 de alto, na entrada ás instalación desde o complexo das Pedreiras.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, e a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, acompañados polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, visitaron este mediodía as instalacións para seguir o avance desta intervención, que empeza a tomar forma, coa definición das figuras protagonistas do deseño, que conecta a figura mitolóxica de Breogán co baloncesto.

Durante a visita, na que tamén estiveron presentes os irmás Erik e Sergi Quintela, o deputado de Deportes explicou que “se trata dunha iniciativa que pretende, por unha banda, conmemorar unha temporada histórica do CB Breogán e, por outra, darlle un valor engadido a un espazo icónico para o deporte, como é o Pazo, coa obra dun artista de recoñecemento internacional”.

“A figura de Breogán recibirá a todos os equipos e afeccionados e afeccionadas que se acheguen ao Pazo, contribuíndo a humanizar e facer máis amables os espazos urbanos, na liña na que se ven traballando desde o goberno municipal”, engadiu.

O traballo artístico continuará durante os vindeiros días -cunha planificación condicionada pola meteoroloxía- nos que o mural tomará o aspecto definitivo co recheo de cor.