Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental denuncia o estado de ruína de dous inmobles do casco histórico

Por 31 Maio, 2022Sin comentarios

A asociación Lugo Monumental denuncia o estado de ruína que presentan algúns inmobles do casco histórico. En especial, centran a súa atención en dous deles que “afectan notablemente aos locais contiguos”.

Trátase de dúas casas que, segundo critican, están causando problemas. E é que, unha delas atópase na praza do Campo, zona dos viños do casco histórico e unha das zonas con máis afluencia de xente. A outra está na rolda interior da Muralla, na rúa do Moucho, colindando co Vicerreitorado da USC.

Segundo critica a asociación, ambas vivendas supoñen graves perxuízos para a zona. No primeiro caso, un valado amarelo, corta dende hai meses o paso entre as terrazas de dous locais de hostalería. No segundo dos casos que denuncia nomeadamente o colectivo, o valado mantén cortada a rolda interior da muralla dende hai anos.

En palabras de Lugo Monumental, a lei deixa “moita marxe de manobra para evitar estas situacións”. Lembran que o Concello poder acudir á sanción, á execución subsidiaria ou mesmo á expropiación forzosa.

“As leis do Chan de Galicia e de Rehabilitación de Galicia vinculan estas medidas á acción conxunta de Concellos e administración autonómica”, explica o colectivo que xa se dirixiu a ambas administracións para trasladarlles a situación e pedir solucións.

“O que resulta inaudito é que unha rúa estea cortada durante anos pola ruína dun inmoble, tal e como ocorre na rolda interior á altura, nada menos, que da Catedral de Lugo e o Vicerreitorado. Un valo impide o paso e o edificio lindeiro coa sede universitaria está apontoado contra a propia Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade”, critica o colectivo.

Lugo Monumental lamenta, igualmente, que non sexas os únicos inmobles en mal estado do casco histórico, “algo paradoxal se se ten en conta que se busca a súa declaración como Patrimonio da Humanidade”.