Skip to main content
Palas de Rei

O Castelo de Pambre, escenario do Festival de Teatro Escolar

Por 5 Maio, 2022Sin comentarios

O Castelo de Pambre e a Casa de Cultura de Palas acollerán este domingo o XIV Festival de Teatro Escolar da localidade. Organizado polo Concello, o obradoiro municipal de teatro así como diferentes colectivos culturais, acollerá a máis dun centenar de actores. Así, participarán nesta xornada cultural ata catro colectivos teatrais de Teo, Touro, Compostela e Palas.

Segundo explicou o Goberno local, ás 16 horas haberá un roteiro teatral, poético e musical no Castelo de Pambre, protagonizado polo alumnado do Obradoiro Municipal de Teatro e as asociacións Palacio do Rei, Fonte de Merlán e Coral Polifónica da localidade.

Este roteiro contará con sete escenas que permitan imaxinar o bulicio que en Pambre existía ao redor do Castelo e coñecer, así, o funcionamento destas entidades.
Máis tarde, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo Reviracontos, posto en escena polo Obradoiro Municipal xunto ás aulas de teatro do IES Cacheiras, o CPI Fonte Díaz de Touro e o IES Antonio Fraguas.

O espectáculo vertebrará sobre o concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización do ser humano. A través dunha viaxe ao mundo dos contos relatados pola literatura popular e culta, as actrices e os actores destas compañías reivindican tamén o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas emocionalmente equilibradas, autónomas e libres.

Este Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2021/22 nas catro localidades.