Skip to main content
Portomarín

Portomarín convértese no centro da cervexa co BeerFest

Por 11 Maio, 2022Sin comentarios

Portomarín acolle esta fin de semana a primeira ecidión do BeerFest. Un festival en torno á cervexa que terá lugar na Praza do Camiño da localidade. Así o presentaron esta mañá, no Pazo de San Marcos, a Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto e o organizador do evento, Manuel Pombo.

A deputada provincial felicitou á organización por impulsar esta iniciativa que “nace para converter se nun gran festival ao redor da cervexa artesanal, convocando a mestres e firmas de Galicia”. Asemade, no festival participarán marcas do resto do Estado e internacionais. Propoñeránse maridaxes de cervexa e gastronomía e ofrecerán tamén talleres nos que aprender a elaborar cervexa dun xeito artesanal.

Lembrou a Deputada que en Galicia lévase “moito camiño percorrido para asentar a calidade e a promoción dos nosos viños, das nosas denominacións de orixe, e a Ribeira Sacra é un bo exemplo de como co traballo unha denominación pode asentarse na alta gastronomía, darse a coñecer fóra das nosas fronteiras e fortalecer a oferta de turismo dunha zona. Penso que no eido da cervexa temos moito camiño por diante e que esta primeira edición do Portomarín BeerFest é un bo paso no camiño de seguir crecendo na diversificación da nosa oferta turística e gastronómica”.

Ademais, manifestou na presentación García Porto, o BeerFest “encaixa perfectamente co modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo”. “É unha cita que aposta por un produto artesanal, que pon en valor o patrimonio cultural e paisaxístico de Portomarín e a súa contorna, e que nace cunha clara vocación internacional”, subliñou.

García Porto lanzou un convite extensivo a todos os veciños e veciñas da provincia, pero tamén ás persoas que visiten esta ponte das Letras Galegas e de San Isidro a provincia para que se acheguen a Portomarín esta fin de semana. Incidiu en que “serán dous días de festa e de encontros, que tamén servirán para aprender moitas curiosidades sobre a cervexa artesá e toda a cultura que se xera arredor dela”.