Skip to main content
Chantada

‘Arte nos vidros’ leva os cadros de Manuel Jorge ás fiestras dos bares e establecementos de Chantada

Por 25 Maio, 2022Maio 26th, 2022Sin comentarios

Alumnos dos IES Val do Asma e Lama das Quendas, gracias a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, desenvolven durante esta semana unha intervención artística nas rúas para manter viva a lembranza do pintor e adiantar os plans de creación dun museo na vila

Os veciños de Chantada atópanse dende este luns cun convidado máis nos seus paseos, compras e cafés pola vila. Os cadros de Manuel Jorge. Ou polo menos unha versión dos mesmos realizada polo alumnado dos centros de secundaria Val do Asma e Lama das Quendas dentro da actividade Arte nos vidros.

Foi precisamente unha profesora, Lola López, quen tamén é membro da Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, quen propuxo esta intervención artística pola vila co obxectivo de manter viva a lembranza do pintor e comezar a preparar á veciñanza de cara aos plans de apertura do Centro de Arte Contemporáneo Manuel Jorge, que xa ten ubicación nunha casa do cantón chantadino.

A actividade, que comezou este luns 23 de maio e continuará toda a semana, contou coa colaboración de varios negocios da vila como o Café Capitol, a tenda de deportes Jamex, o Café Cantón, o Bar 13 e o Café Manix. Tamén se pintarán os vidros da sede da Asociación, instalada de forma temporal no número 8 da Praza de Santa Ana.

CONEXIÓNS EMOCIONAIS

Lola López, cordinadora da actividade, explicou que se trata dunha acción moi interesante para a mocidade xa que «intervén no seu entorno máis próximo dunha forma creativa e sosprendente, xerando conexións emocionais tanto coa obra de Manuel Jorge como cos comercios e a veciñanza».

Este tipo de actividades serán a pauta do futuro museo Manuel Jorge, dende onde se fomentarán as artes plásticas e as artes vivas cunha relación moi estreita cos colectivos veciñais e mais os colexios.

O XOVES, MÁIS

O luns pintáronse cadros en tres establecementos: Café Cantón, Café Capitol e Jamex. Este xoves 26 de maio continuarase de 9.15 a 11.30 horas no Café Manix, Bar 13 e o local da Asociación Amigos de Manuel Jorge.